Alfredo Ferreiro, Críticas e referências, Poesia

Breve antoloxía da poesía galega de 90 (I)

Vexo que este xoves o Galicia Hoxe publica na Revista das Letras un especial de poetas novos. E lembro unha breve antoloxía que me encarregaron hai mais ou menos oito anos sobre os poetas da suposta xeración dos 90 para esa mesma revista (daquela enmarcada baixo a cabeceira d’O Correo Galego. Aquela, como a desta semana, tan agradabelmente aperturista, incluía poetas con diversos modos de escribir o galego. Aínda que a día de hoxe non cheguei a saber cais foron os impedimentos concretos para a súa publicación, non deixei de apreciala polo grande pracer que me produciu escribila. Agora por fin verá a luz, para comprobar se conserva os aspectos positivos que eu lle outorgaba na altura.

OUTROS SENTIDOS. Breve antoloxía da nova poesía galega de 90.

Esta pretende ser unha antoloxía non de persoas, mais de obras poéticas. Unha antoloxía elaborada atendendo, en primeiro lugar, a unha idea de equilibrio susceptíbel de ser encontrada no traballo dun breve número de poetas. Non desexamos que interveñan, neste caso, parámetros de ideoloxía poética, que contribuirían a unha escolla, por exemplo, de poemas “progresistas” en termos de estética e rexeitaría, no mesmo sentido, poemas “conservadores”, desde que continuadores de direccións xa encetadas en décadas anteriores.
Neste caso, por poesía de 90 debe entenderse, antes que toda a poesía publicada por novos autores na presente década [sic], a obra daqueles poetas que, con xa seu camiño iniciado perto da xeración anterior, materializan e consolidan o que pode ser entendido como a súa propia proposta poética dentro da década de 90. Trátase de proxectos dunha maturidade evidente que propoñen una particular ligación de forma, contido e atitude poéticas. Neste sentido, podemos dicir que os parámetros desta antoloxía serán definidos pola procura de proxectos poéticos non pertencentes á considerada xeración de 80. En termos de formulismo estético, os poemas presentados aquí, pertencentes a cinco autores, considéranse mostras evidentes de certo tipo de equilibrio forma/contido, dunha relación frutuosa entre un ritmo versal e unha estruturación do imaxinario, en cada caso manifestada através dun xeito propio de focar poeticamente a realidade.
Nunha perspectiva histórica, enténdese que nada haberá que dicir destes autores como grupo. Esteticamente, uns evolúen a partir de direccións mais novas do que outros, desde que menos habituais na poesía dos últimos tempos, mais en todo caso os cinco autores son posuidores de sentidos poéticos individualizados. Eticamente, un novo ambiente, talvez diverso do das xeracións anteriores que hoxe parecen desembocar nunha aglutinación ideolóxica de perspectivas baixo proxectos comúns homexenizantes, consegue manifestarse en empresas que pretenden aproveitarse da diversidade, do confronto fértil de ideas e actos.
Déixanse outros nomes, lugares e datas para os historiadores da literatura. Desta forma, esta breve antoloxía só pretende ser presentación pública de mais outros sentidos no panorama da actual poesía galega; unha pequena mostra de novos camiños promisorios dun milenio de poesía galega aberta ao exterior encanto certa do grande valor tanto dos seus proxectos artísticos individuais canto do que a súa vella cultura é capaz de xerar, na xuventude perpetua da incesante creación.

Share
Standard

One thought on “Breve antoloxía da poesía galega de 90 (I)

Comments are closed.