Narracións abertas

Ilustración de Daniel Maclise (1806-1870) para Os traballos de Shakspeare, Imperial edition, NY 1875-1876.Ligo desde o blog do Sr. Brétemas cara a un artigo de Juan Freire sobre as “narracións abertas”. Concordo co primeiro que este tema é ademais de fascinante tal vez o punto fundamental para entender os xéneros narrativos modernos. Mais co segundo pouco concordo, e menos aínda con algún dos artigos que deron pé ao seu.

Por exemplo, o artigo de Xavier Bru de Sala Contra el argumento defende que:

a) no contido dunha narración poden distinguirse o “argumento”, en esencia reducionista, enganoso e falseador da ficción, “situacións”, que son a verdade mesma e “frases”, que constitúen o que se di e o que se fai (supoño que se refere ao que din e fan as personaxes);

b) os argumentos son prescindibles, como ocorre na ópera, en que se pode gozar esquecendo a relación que existe entre a emotividade da personaxe e o punto do fío argumental en que se atope;

c) é mellor ser protagonista que receptor, e iso conséguese evitando ser atrapado pola peripecia argumental;

d) o escritor de hoxe debe “construír frases (no amontonarlas), bien encajadas en situaciones”;

e) os argumentos son nocivos porque confunden innecesariamente, enganan o receptor, e como xustificacións apunta que o da Odisea foi ridiculizado por Joyce no seu Ulises, que o de Hamlet é inescrutabél universalmente (até o foi para o autor), tal como acontece co Quixote e a Biblia

En fin, é difícil demostrar máis claramente que en lugar de cranio ten unha cocteleira (como a que el mesmo cita), con ben poucos licores, mal identificados e mesturados sen criterio. A saber:

a) unha narración constitúe ante todo unha mensaxe cun nivel de estruturación complexo en que a existencia dun argumento, unhas “situacións” (podemos tentar seguir os seus conceptos) e unhas frases se debe ás diferentes camadas dos contidos: o nivel do mundo creado, a concatenación de situacións experimentadas por personaxes e as intervencións dos mesmos en cada unha delas. Como poderíamos opinar que o que realmente importa dun edificio de oficinas é a sala de reunións ou as cadeiras que rodean as mesas de traballo, e que debemos desprezar o servizo xeral que debe dar para o traballo que vai albergar? Acaso o argumento non é a peza principal do que se di nunha obra, en sentido global? Non están aí os sentidos éticos, morais, ideolóxicos? Fálanos do mesmo unha obra en que unha conduta reprobábel nunca é castigada e outra en que o esforzo dun corazón amábel só padece amarguras? A narración é un mundo construído para ser comparado con real, co real tal como cada receptor o distingue, e os bos escritores intúen de que modo todos participamos do real, e nese territorio común enlazan os argumentos. Parte da arte de chegar ao grande público necesariamente debe estar aí: na eficacia en presentar na súa obra a subxectividade común de moitos lectores. E se isto acontece cos argumentos, o mesmo sucede coas situacións: é requisito do éxito construír “situacións” novas ou vellas mais renovadas, orixinais, que conten o de sempre co verniz brillante do nunca visto; e coas “frases”, para xa situarnos no nivel do estilo: que as personaxes falen como lles corresponde para non afectar á verosimilitude, que o narrador sexa visible ou invisible, poético ou aséptico…

b) na ópera os argumentos son prescindibles para quen non se esforza por atender a todo o que se lle ofrece, como se un pretende escoitar unha banda de música municipal e decide que non lle interesa atender a percusión, ou a se a peza que acompaña a procesión da Santa é un pasodobre;

c) os protagonistas non poden deixar de selo, mal que lles pese, e senón que llo pregunten a algunha personaxe de Unamuno;

d) estou dacordo en que as frases non deben aparecer amontoadas, senón requeridas polas “situacións”, mais tamén penso que estas últimas deben estar organizadas segundo as necesidades dun argumento, se non se quere que a narración se disolva nas mans impacientes do lector;

e) pode ser que algúns argumentos sexan difíciles para nós, mais non por iso podemos asegurar que o sexan para todos, inclusive para os seus autores.

Juan Freire continúa despois pola súa conta e recoñece nos videoxogos a organización narrativa da literatura do futuro, polo que atopa de aberta nela. Agora ben, o que ten de xogo fai que sexa aberta, porque precisamente é un ensaio de destreza por parte do xogador, que non é un receptor, senón un actor. A resolución das probas ofertadas non pode estar resolto de antemán, do mesmo modo que un partido de tenis non se celebraría se xa se soubese o resultado. Agora ben, se o discurso do tempo de xogo non é unha narración, as aventuras gráficas teñen con frecuencia un guión baseado nos argumentos da narrativa de aventuras. Desde logo, nestes casos existe unha enxeñaría da narración que preveu os camiños posíbeis do argumento, as alternativas das “situacións” e os modos de intervención das personaxes. Neste sentido, é certo que o xogador ao tempo que é actor ou “deportista” tamén é receptor dun mundo creado. Mais de todos modos a historia acabará así ou de outro modo, e sempre segundo o final que ofreza poderá dar lugar a un sentido determinado do que se quere contar. Porque a indeterminación no argumento presenta unha lagoa insalvábel na interpretación da obra no sentido da concepción do mundo literaturizada, a non ser que sexa a propia inconclusividade ou a fragmentariedade da percepción da realidade o que precisamente se queira sinalar.

Ao fío disto, a similitude no ámbito político de estratexias de goberno con posibilidades improvisadas me parece un pensamento infantil. Se algo non se pode permitir no ámbito político, estando como está ao servizo da xestión dos recursos económicos da sociedade, é ser incontrolado, impredecíbel… Aínda que sexa moi interesante a posibilidade de simular eses efectos para convencer da existencia dun sistema realmente democrático.

Share

1 comment to Narracións abertas