Lusofonía?

Igrexa de Breixa, Trasdeza.

Moito se oe falar ultimamente da lusofonía. Entras en Vieiros e o que é unha simple noticia de fútbol se converte… nun asunto de política lingüística? Recentemente o Pen Clube facía un acto en Vigo en que recoñecía que a presenza de escritores portugueses era dunha conveniencia obvia; en Compostela un novo fondo multimedia se dedicaba ao ámbito lusófono; o Premio Espiral Maior abríase aos autores de Portugal; a aspiración ao recoñecemento do patrimonio común oral galego-portugués era xeneralizada… Tantas e tantas referencias existen hoxe en día á necesidade de procurar vías de alimentación cultural dunha Galiza nova, “moderna” dirían os vellos, que non sei como moitos que se consideran popes da cultura non son os primeiros en poñerse mans á obra. Será que o espírito non os acompaña á hora de aventurarse ou será, probabelmente en moitos casos, que o seu momento de aceno vangardista xa pasou? Evidentemente, a responsabilidade principal de iniciar novos rumbos pertence aos novos, como algúns xa apuntan.

Mais, voltando ao asunto da lusofonía, da virtual Galiza lusófona… semella un novelo que comezou a desenrolarse e que como se fose de esparguete comeza a alimentar as bocas de moitos. Desde moi pequeno experimentei en Portugal a sensación de camiñar por un contorno feito para xogar a estar no estranxeiro no meu propio país. Despois, cando observei no Instituto ao escritor Xavier Seoane escribir na pizarra a palabra “palavra” non me gustou, recoñecendo o que considerei unha actitude antigalega. Mais pasou o tempo e xa na facultade atopei o lusismo e non puiden evitar adherir. Así botei anos, estudando o portugués e lendo poesía portuguesa, un tesouro inesgotábel de arcana galeguidade.

E agora? Agora recoñézome loitando pola versatilidade do que emprega a lingua como unha ferramenta útil, nin como un tótem nin como un farrapo balorento, tentando usala para comunicarme do xeito máis eficaz. E aí me sitúo, orgulloso e libre, coa pequena mochila do meu talento e todo o camiño, de novo, por diante.

Share

11 comments to Lusofonía?