Alfredo Ferreiro, Breves, Lusofonia, Poesia

Lusofonía III: Ramiro Fonte

Ramiro Fonte«O debate que xirou arredor da normativa ortográfica arruinou esforzos, envelenou soños, e fixo descender a reflexión intelectual en Galicia a uns niveis alarmantes. No fondo, esta palpitante cuestión resolveuse como unha simple loita polo poder académico, e polos orzamentos dos que, ó parecer, ten dereito a dispor o galeguismo profesional. Unha lingua é demasiado importante para deixala en mans dos lingüistas, aínda ben máis unha lingua literaria. Pero, a forza de sermos xustos, tamén o é para deixala en mans dos literatos que ignoran os seus matices. Un dos paradigmas dos grandes creadores da prosa galega moderna, refírome á busca de modelos nos prosistas portugueses, deixou de ter vixencia. E, aínda menos mal, que un procura a ilusión de chegar a escribir un día unha prosa aceptable frecuentando eses escritores portugueses que, como Raul Brandão, percibe que están moi achegados a nós. De feito é o grande prosista do grupo da Renascença, o amigo insustituíble do Teixeira de Pascoães, o máis “galego” dos clásicos modernos lusitanos. […] Desconfiemos dos escritores que queren arranxar o mundo sen arranxar a sintaxe. Desconfiemos das grandes causas postas ó servizo de cobizas persoais e dun pésimo estilo […]»
Ramiro Fonte, Raul Brandão, A Nosa Terra, nº 1231, p. 25.

Esta coluna de Fonte é realmente lúcida. Se ben o debate lingüístico ocupou moito do esforzo intelectual dos vultos da cultura, estimo que foi inevitábel. No que á literatura toca, evidentemente porque non houbo en galego obras de altura incontestábel, exportábel e á vez “intrinsecamente galaicas” que evitasen falar de “cuestións menores” como a ortografía. A lingua literaria que tais obras ofrecerían sería tan abafantemente rica que ela soa soportaría a existencia do sistema literario e fundamentaría unha lingua galega respectábel a todos os niveis. A lingua non estaría nas mans dos lingüístas senón diante, nin nas mans dos literatos mediocres, que non alcanzarían a tocala. Así non habería tanto exame forense sobre a lingua, pois o seu pretixio como ferramenta sería evidente. Porque a lingua é ante todo unha ferramenta.

Por outro lado, a idea de procurar modelos literarios nos escritores portugueses non é irrisoria. Non tanto polo que poida interpretarse como imitación barata senón pola posibilidade de atopar neles solucións literarias (estilos, personaxes populares, visión do rústico, etc) que contribúan —por proximidade real— á creación de ambientes e estilos literarios que poidamos chamar nosos, e que non parezan como tantas veces a adaptación galega máis plana do que temos lido, producido ou traducido, en español.
Máis unha vez construír cultura é o repto principal, e a reflexión sobre o que se fixo ou o que deixou de se facer debe ocupar un lugar secundario. Porén, temos que asumir que cada un faga até onde as súas mans e o seu corazón lle permitan.

Share
Standard

4 thoughts on “Lusofonía III: Ramiro Fonte

  1. Pregúntome onde estaba o nivel cando Fonte pode dicir que o debate ortográfico “fixo descender a reflexión intelectual en Galicia a uns niveis alarmantes”. Non será que non había algo de máis altura para debater? Ou que o noso nivel intelectual non deu para máis? Tal vez sexan posicións de forza sobre unha cultura que dá algún carto mais que se non se revitaliza con obras de altura chegará un punto en que non poderá sosterse.

  2. Pregúntome onde estaba o nivel cando Fonte pode dicir que o debate ortográfico “fixo descender a reflexión intelectual en Galicia a uns niveis alarmantes”. Non será que non había algo de máis altura para debater? Ou que o noso nivel intelectual non deu para máis? Tal vez sexan posicións de forza sobre unha cultura que dá algún carto mais que se non se revitaliza con obras de altura chegará un punto en que non poderá sosterse.

  3. efectivamente: toda unha guerra normativo-civil á custa da sagrada segunda forma do artigo, e muitos mentres a esfregaren as maos…

  4. efectivamente: toda unha guerra normativo-civil á custa da sagrada segunda forma do artigo, e muitos mentres a esfregaren as maos…

Comments are closed.