Lusofonía IV: Fernando Venâncio

Fernando Venâncio
Este escritor, crítico e investigador, blogueiro, profesor da Universidade de Amsterdam para as materias de Lingua e cultura portuguesas e Linguas rexionais europeas, alén de coñecido debatente no Portal galego da lingua sobre diversas cuestións da cultura galega, anuncia antes do final de ano publicar en Portugal un amplo traballo sobre a Galiza. Nunha recente entrevista explicaba o seu enfoque:

«[…] Fago isto porque acho que é importante para Portugal coñecer Galicia. […] Nós somos, nós existimos, porque nos separamos de Galicia. […] Galicia non existe, e non só na cabeza dun portugués medio, tampouco na maior normalidade da cultura portuguesa. […] Contra este pano de fondo é necesario actuar e penso que este traballo que estou a facer vai sorprender os portugueses. A xente non pode comezar por dicir que nos esquecemos de Galicia e nos culpar pola nosa ignorancia. Esa non é a mellor maneira. O que eu fago é tentar sorprender ao público portugués difundindo unha realidade de Galicia que está lonxe de imaxinar. […] Vexo unha Galicia moderna, que fai música do noso tempo en galego, que fai teatro do noso tempo en galego, e radio, banda deseñada de interese internacional, blogs en lugares tan atractivos como o Portal galego da lingua ou Vieiros. Portugal hoxe descoñece o dinamismo cultural galego, e eses son algúns exemplos do mesmo. Quero conseguir que os portugueses descubran que teñen unha sociedade tremendamente dinámica no norte do país, e falar da facilidade de comunicación, da importancia da lingua. […] Como lingüista podo afirmar que portugués e galego son a mesma lingua. Non obstante, sei que do punto de vista social iso é unha provocación e por tanto non o fago, porque tamén sei que se pode con toda a mesma xustificación ver o galego e o portugués como dúas linguas; e non porque o galego se afaste ou porque nós nos afastásemos: o caso foi que nos afastamos os uns dos outros. Por tanto non é o galego máis auténtico, nin o portugués. Despois da separación política, a nosa lingua entrou en procesos diverxentes perfectamente comprensíbeis. O galego e o portugués experimentaron durante séculos unha avalancha de influencia castelá. O castelán influenciou o galego dunha maneira e o portugués doutra. […] Tamén é verdade que a abertura da lingua da Galicia ao contacto co portugués lle abre un mundo de 200 millóns de falantes, e iso é benéfico para o galego. […] Felizmente, hai xente que utiliza un galego auténtico, e ten máis capacidade de absorber o portugués de o que o castelán. Só nos últimos anos é que realmente comezo a comprender o que pasa na realidade. Sobre iso antes non tiña mínima idea, e un portugués medio tampouco a ten, mesmo portugueses de elite non teñen. […] Do punto de vista estritamente xurídico o galego é unha lingua rexional europea; e o catalán e o vasco son linguas internacionais, faladas en máis dun Estado. Porén, o galego ten un aspecto case único dentro das linguas rexionais europeas, que non teñen o catalán ou o vasco: a posibilidade de aproximación ao portugués. Así, o galego pode ser visto como unha lingua rexional, como unha das linguas españolas, como di a Constitución; ou como unha forma de lingua que é coñecida como portugués, e nesta perspectiva é unha lingua internacional. […]» La Voz de Galicia, 26/08/2006, Culturas, páx. 10.

Share

19 comments to Lusofonía IV: Fernando Venâncio