Reflexións sobre a lingua: primeira e última

Despois de ler o artigo da semana pasada de Luis María Ansón no El Cultural sobre o estado de dictatorial imposición do catalán en Cataluña, equiparábel segundo el á actitude de Franco en favor do castelán, varias ideas asaltan a miña cabeza:

1. Aquela lei da lingüística que di que onde a mesma comunicación se pode facer con dúas linguas, por economía a tendencia sempre será a de usar unicamente unha delas.

2. Que o galego continúa inevitabelmente a ser menos usado cada día. (O meu padriño morreu o mes pasado: noventa anos. Era un deses poucos monolingües. Os meus nenos falan galego na casa até que comezan a idade escolar, en que son bilingües con predominancia clara do uso do castelán.)

3. A escola continúa a ser un factor de desgaleguización evidente. En lugares de 100% de galegofalantes os profesores non responden en moitísimos casos do nivel de galeguización estipulado pola lei.

4. Que todas as linguas son impostas. Nacemos no ámbito lingüístico que nos toca, e aí comeza a imposición. Logo sufrimos un determinado goberno, e aí comeza a segunda, coas súas decisións lexislativas. No estado de Israel cando decidiron adoptar o hebreu como lingua do país a todos os efectos o seu uso no subía do 10%. En Euskadi non sei se aí chegaría. En Cataluña parecen querer avanzar, e para iso non ceden no esforzo.

5. Estou pola imposición do galego. Non hai outra. Ten que ser decretada unha lei de inmersión, cun programa a curto prazo que manteña o ritmo de pedaleo dun ciclista nunha proba de montaña. Hai que atinxir o cume ou abandonar.

6. A conservación do castelán será fácil, e pragmática. Mais non satisfará aqueles que desde xeracións se atopan instalados nel. Como nunha lingua da Galiza que é realmente, no seu uso. Moitos farán acusacións de totalitarismo como fai Ansón, uns con tanta, outros con menos substancia ideolóxica.

7. O goberno actual está lonxe de acometer tal empresa. Séntense estreando cadeira, e niso teñen razón. Até é posíbel que só un goberno nacionalista se atrevese a tanto. Aínda que, se vou ser sincero, dubido disto. Se o Bloque chegase ao poder coas mans libres imaxino facilmente, á parte de non saber que tempo poden precisar para conseguilo, que terá suavizado máis e máis o seu programa neste sentido para ser atractivo á nosa burguesía, da cal xa sabemos como lle interesa conservar a cultura propia, que non é a da aldea. É o prezo do interclasismo.

Por outro lado, a miña reflexión vese inspirada polo artigo de Paulo Coelho no XLSemanal, onde máis que esotérico se manifesta visionario e vaticina como será o mundo dentro de cincuenta anos. Opina que haberá un auxe das linguas rexionais, no cal imaxina o catalán plenamente hexemónico en Cataluña. O mesmo para o vasco no seu territorio, esa lingua que no tempo dos meus avós era falada por catro vellos montañeses. E así para todas as linguas rexionais, por necesidades identitarias “da tribo”. Do galego en concreto non di nada, cando me consta que ten que ser consciente da situación tal divulgador internacional do Camiño de Santiago. Por que? Isto facilita que conclúa a miña reflexión:

8. Na Galiza non hai aínda unha vontade positiva cara ao propio. Cara o Noso en xeral. Ese todo que inclúe, coas costas e os montes, a lingua. Non podemos desintegrar o que somos. Podemos vivir falando unha lingua allea como tamén podemos vivir noutro país, mais apostar polo progreso da Galiza implica apañar o que temos, o paquete completo, e consideralo digna ferramenta de progreso. A actitude necesaria será global ou non será.

9. A lingua galega xa non pode ser considerada sen comparala coa que no mundo se denomina portugués. Se pretendemos levala connosco nun real afán de progreso comunitario (nación, euro-rexión ou que sexa) temos de recoñecer o ámbito lusófono como propio, para poder aproveitar en todos os niveis a dimensión internacional que a lingüística europea lle ten recoñecido desde sempre.

10. Aproveitar, en definitiva, o noso significa estudar todas as súas potencialidades e programar un plano sólido de “posta en valor”. Iso é querer mellorar como comunidade, o resto que por aí se ve semella feudalismo ideolóxico, minifundismo cerebral, e pouco ten a ver cunha actitude verdadeiramente progresista.

Share

5 comments to Reflexións sobre a lingua: primeira e última

  • Caro Levantador,

    Tentei, ontem, deixar aqui um comentário, mas havia problemas com o seu sistema.

    Considero a sua reflexão, neste texto, da maior importância e do maior rigor, e acho que ela deveria ser lida, e meditada, por quantos habitualmente se ocupam destas questões.

    Um abraço,
    Fernando

  • Caro Levantador,

    Tentei, ontem, deixar aqui um comentário, mas havia problemas com o seu sistema.

    Considero a sua reflexão, neste texto, da maior importância e do maior rigor, e acho que ela deveria ser lida, e meditada, por quantos habitualmente se ocupam destas questões.

    Um abraço,
    Fernando

  • Caro Levantador,

    Tentei, ontem, deixar aqui um comentário, mas havia problemas com o seu sistema.

    Considero a sua reflexão, neste texto, da maior importância e do maior rigor, e acho que ela deveria ser lida, e meditada, por quantos habitualmente se ocupam destas questões.

    Um abraço,
    Fernando

  • X

    Moi acertada a súa análise.

  • X

    Moi acertada a súa análise.