Manifesto de Iruña (conclusións do Galeusca 2006)

Galeusca 2006

Nota recollida da páxina da AELG: «Os días 1, 2, 3 e 4 de novembro celebrouse en Iruña a XXIII edición do Congreso Galeusca que reúne, ano tras ano, a representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate. Nesta ocasión a excelente organización do encontro correu a cargo da Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos) -que recibiu a cataláns e galegos coa hospitalidade habitual destas tradicionais xuntanzas- e o tema elixido foi o do “TABÚ”, analizado en xeral e en cada unha das literaturas e atendendo igualmente ás súas vertentes estética, ideolóxica, afectiva…, considerado como un modelador, censor, freo ou medida do proceso creador literario. Tratábase dunha reflexión necesaria para analizar a historia e o presente dos tres respectivos sistemas literarios, co obxectivo de descubrir as dinámicas literarias e sociais que pexan o avance dos mesmos, exercendo unha función revulsiva endóxena.

Ao longo dos catro días os congresistas tiveron oportunidade de visitar o val do Baztán, tendo como guía ao escritor galego residente en Oiartzun, Xosé Estévez, auténtico embaixador do noso país en Euskadi, e gran coñecedor de ambas culturas.

Así mesmo visionouse un vídeo elaborado expresamente para a ocasión, no que baixo o lema “A vontade como ponte”, se desenvolve a historia destes 23 anos de Galeusca. A organización vasca agasallou a galega coa proxección do documental “ Trintxerpe”, barrio do concello de Pasaia, en Guipuskoa, que se toma como exemplo do respecto mutuo entre a emigración galega e a cultura vasca que a acolleu.

Do desenvolvemento das diferentes sesións de traballo e mesas redondas tiráronse unha serie de esclarecedoras conclusións, que deron pé para que o conxunto das delegacións elaborase o seguinte

MANIFESTO DE IRUÑA

Os escritores e as escritoras eusqueras, galegos e cataláns, reunidos en Iruña o día 4 de novembro de 2006, na XXIII edición do Galeusca, manifestamos que:

 

1. O escritor e a escritora son transgresores que, a través da creación, dan nome aos tabús (ideolóxicos, afectivos, estéticos, sociais e políticos) para poderen superalos.

2. Celebramos e facemos nosa a aparición de novas miradas e formas de designar o mundo e, ao tempo, denunciamos a banalización da transgresión coa finalidade da súa asimilación polo sistema.

3. Denunciamos que na actualidade se pretende ir cara o universal ocultando a realidade das nosas culturas nacionais concretas, cando a literatura e a nación se teñen alimentado mutuamente ao longo da historia.

4. Denunciamos que, malia o relativo grao de normalidade xa conseguido polas nosas literaturas nacionais, existen institucións políticas que intentan facernos invisíbeis e, consecuentemente, prescindíbeis.

5. Constatamos como o Manifesto de Poblet do ano 1984, fundacional en moitos aspectos, continúa plenamente vixente, posto que moitas das súas reivindicacións non foron resoltas, en concreto a que di respecto da “intensa inquedanza dos escritores, tanto polo que atinxe á problemática das nosas nacións sen estado, como tocante á defensa efectiva dos dereitos humanos; deste xeito, constatamos o feito dunha represión que tamén concerne a escritores, tanto das nosas nacións como doutras do mundo”.

Iruña, a 4 de novembro de 2006»

Share

4 comments to Manifesto de Iruña (conclusións do Galeusca 2006)

  • Sr. Emérito:
    É obvio que o título de “emérito” debe ser autoconcedido, pois á vista do pouco que valora os esforzos dos máis resulta evidente que aínda non sabe o que é esforzarse. Se lle interesa a dirección da AELG e o que di é certo, fácil terá facer parte dela. Se non lle interesa a Asociación, o seu comentario é pura pose, e falsas as súas intencións de debate.

  • emérito

    A min o manifesto seméllame tamén patético.E por motivos distintos ao comentarista anterior.Porque me soa falso, de pose. Como é falsa e de pose a transgresión da AELG, polo menos a da súa directiva. A presenza nela de xente que nunca escribiu nada é significativa. Unha pregunta, un profesor/a que escribe un articuliño didáctico sobre o persoeiro ao que lle dedican o dia das letras galegas é un escritor/A?

  • Supoño que para min estar fóra “dese mundo” (o seu)  é álgo máis que saudábel. De calquera modo, son suposicións, pois nada claro se pode atopar nun comentario tan hermético como o seu. Tamén sospeito que lle sentarían mellor novas sesións de batuka antes de tentar escribir nada con sentido. A batuka é boa para o corpo e a mente. Experimente e logo falamos.

  • batuka

    Supoño que o idioma elixido para falar foi o español. DIto iso, auguro un vindeiro manifesto no 2023 en Ourense máis patético aínda. Estades completamente fóra deste mundo.