Alfredo Ferreiro, Breves, Críticas e referências

A cova das vacas mortas, de Jaureguizar

A cova das vacas mortasA cova da vacas mortas é un libro ousado, que pretende saír dos temas máis convencionais e radicar no rural unha historia trascendente. Parte da desventura presente do seu protagonista e remóntase a un pasado próximo e a outro anterior a este, desenvolvendo trechos de vida de tres xeracións da familia. Remata cunha alegación pola liberdade de forxarse o propio destino, e iso é meritorio. Sobre todo como mensaxe final, e non só para adolescentes.

O tema principal recae no sentido común que demostra un rapaz que sabe o que quere, que se compromete cos retos que a súa vida lle pon no camiño, por duros que sexan. El reacciona sempre con humanidade e cunha vontade férrea para saír adiante. Esta firme determinación de labrar o seu destino convérteo nun heroe do mundano, que ten que batallar cos tristes muíños de vento que decoran día a día a súa paisaxe vital. Resulta nisto exemplarizante para todo tipo de lectores, nesta época en que tanto vellos como nenos parecen tantas veces unha carga da que ninguén quere responsabilizarse.

Porén, outros temas, secundarios no relato, parécenme insatisfactoriamente tratados para a importancia que eu particularmente lles concedo. Así, as drogas (cervexa e marihuana) aparecen implicitamente como causa da falta de responsabilidade para con fillos, anciáns e comunidade de veciños. Un discurso que, se ben pode considerarse politicamente correcto, imposibilita unha análise minimamente profunda do problema das adiccións. A realidade é que as drogas nos rodean, o seu consumo é cada vez maior, e a defensa ante os seus peores efectos sempre estará na información e na vontade de non servirse delas ou de como facelo. Introducir este tema na novela foi unha ousadía grande, pois ben debía levar á constatación de que a vontade destrutiva está nos individuos e non nas substancias ben á súa demonización implícita. Como mal menor, isto último foi, mais así se resentiron outros aspectos a valorizar: o amor polos fillos, polos pais e polos amigos. A causa das drogas a nai non se ocupa do seu fillo, nin do seu pai, nin os veciños dun vello perdido no monte… Só un rapaz vigorosamente abstemio resiste desde a atalaia do sentido común. E isto hoxe en día resultará unha simpática esaxeración para case todos os alunos, rodeados como están destas substancias e doutras moitísimo mais duras no día a día. Si, no día a día, e non só no fin de semana.

Outro motivo secundario é o alzhéimer, tratado con xeito case todo o tempo aínda que só pretenda ser parte do calvario do protagonista e un dos piares do misterio que xorde no último terzo do libro. Porén, a pouco que se saiba desta enfermidade atoparase o final, no que a isto respecta, pouco verosímil.

A lingua non sae ben tratada. E non pretendo situarme do lado deses hiperbólicos estetas que pretenden catequizar desde o olimpo frondoso da hiperliteratura. Mais se agardamos uns niveis mínimos de calidade, aínda situándonos nas expectativas do receptor menos exixente, sentímonos con frecuencia desatendidos e moitas veces vilipendiados. Considero que unha lingua literaria desta altura moi probabelmente sería rexeitada como lectura nos institutos a pouco rigor que se imprima na elección de obras. Outras menos ambiciosas, moito máis convencionais e menos imaxinativas contribuirán irremediabelmente a colmar a pouca paciencia dos alunos.

Os aspectos máis salientábeis desta obra, vencellados a logros evidentes como o desenvolvemento dos diálogos nunha trama que discorre con soltura e a través de situacións imaxinativas e ben apresentadas, vense ensombrecidos pola escasa preocupación por outros aspectos necesarios para ser considerada unha boa obra. Véxase, ademais do referido con anterioridade, o capítulo en que se afirma que as baleas, se varadas na praia, morren asfixiadas por falta de auga (páx. 91). É unha mágoa, en definitiva, que vestiduras tan pobres se sobrepoñan a unha obra cun imaxinario tan rico, áxil e ben estruturado.

Share
Standard

12 thoughts on “A cova das vacas mortas, de Jaureguizar

  1. Pingback: O levantador de minas » Presentación d’A cova das vacas mortas ao vivo na rede

  2. Pingback: O levantador de minas » Presentación d’A cova das vacas mortas ao vivo na rede

  3. Alfonso Blanco-Rivas says:

    Parabens polo bon traballo que estades a facer niste blog. Non sei se vos lembrades de min, Rivas. Levo case 20 anos en USA e son profesor de literatura. Levo adicado a iste campo moitos anos e sempre é ledo ver como se pode aotopar na terra dun tematica relacionada coa literatura. Nin que decir ten que os textos en galego son mais difíciles de atopar. Cos vosos comentarios estarei mais ao tanto do que acontece na literatura de terra.
    Otra ves, parabens a todos
    Unha aperta
    Rivas

  4. Alfonso Blanco-Rivas says:

    Parabens polo bon traballo que estades a facer niste blog. Non sei se vos lembrades de min, Rivas. Levo case 20 anos en USA e son profesor de literatura. Levo adicado a iste campo moitos anos e sempre é ledo ver como se pode aotopar na terra dun tematica relacionada coa literatura. Nin que decir ten que os textos en galego son mais difíciles de atopar. Cos vosos comentarios estarei mais ao tanto do que acontece na literatura de terra.
    Otra ves, parabens a todos
    Unha aperta
    Rivas

Comments are closed.