Presentación na Coruña de Para unha luz ausente, de Xavier Seoane

Presentación na Coruña de Para unha luz ausente, de Xavier Seoane

Presentación na Coruña de Para unha luz ausente, de Xavier Seoane

Este venres ás oito, no espazo do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, presentouse o libro Para unha luz ausente de Xavier Seoane, vencedor no XIVº Premio Espiral Maior. Interviñeron, ademais dun representante da firma patrocinadora, o editor da obra e xestor do premio Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo en calidade de membro do xurado, e Miguel Anxo Prado como lector.

A sala do segundo andar estaba chea, e despois da “demora” habitual nestes eventos Fernán Vello valorou a obra, o autor, os apoios e o incentivo económico que supón concursar para apañar doce mil euros, o lote máis suculento dos premios de poesía da Galiza. Logo Cáccamo sinalou a madurez ben rendibilizada do autor, así como o feito de seren compañeiros de viaxe artística desde hai case trinta anos. Prado, pola súa parte, apoiou a súa valoración da obra premiada na nitidez visual do imaxinario de Seoane, recurso que considera habitual no autor e estima especialmente como intersección posíbel entre a poesía e a arte plástica.

O evento decorreu ben, con referencia ao sen dúbida fornecemento de novos rumbos á poesía galega a partir da “xeración dos oitenta”, da que os presentes fan parte, e unha lixeira alusión ao desinterese por participar en calquera sorte de “loita interxeracional” (Seoane). Sen crer que necesariamente este comentario feito de soslaio teña unha relevancia especial, tomo nota da posibilidade do nacemento dun futuro debate, talvez propiciado pola necesidade permanente que unha literatura ten de valorar os contributos de cada época. O discurso metaliterario establécese con distancia temporal, porén nútrese da interacción dos discursos contemporáneos.

As copas que elevamos á saúde do autor, cortesía do patrocinador, albergaron conversas animadas. Con Cáccamo Leco, Martin Pawley e eu falamos sobre o valor da interacción das diversas artes e, aí recalcamos nós os tres con moito ánimo, o do recurso ás novas tecnoloxías para a difusión de eventos, obras, o contacto entre creadores e, en definitiva, o valor deste novo espazo como garantía de liberdade de expresión e de acceso aos produtos culturais. Foi un pracer falar cun escritor en que é posíbel recoñecer un intelectual, nestes tempos en que algúns escritores presumen de non ler e outros demostran non facelo.

Nota: a fotografía do cartaz é responsabilidade de Vari Caramés.

Share

Comments are closed.