Alfredo Ferreiro, Breves

Os axentes culturais na encrucillada

Xan Bouzada: “O desafío é que os valores que subxacen ás políticas culturais teñen que ser imprescindibles. Cumprindo cubrir gastos e financiar a cultura, debe haber tamén un alento ideolóxico para aspirar a unha cidadanía culta e a unha democracia cultural máis profunda.” (Actas dos encontros “Cultura e Novas Tecnoloxías” celebrados no Consello da Cultura en 2004). Consello da Cultura Galega.

Si, é certo, trátase de valores. Valores para as políticas culturais, o desexo dunha cidadanía culta e unha democracia máis profunda. Valores, claro. E de onde saen os valores precisos para isto senón das mentes dos intelectuais e artistas de talento humanista? E na literatura, pode cocerse un caldo desta caste sen as verzas da filosofía, as patacas da vida, a carne do amor, as fabas da morte e o sal da poesía? Poesía da experiencia, novela da experiencia…serve de algo unha literatura coa profundidade dunha marisma? E no blogomillo? Endogamia ou exogamia non son temas tanxenciais ao relevante? A resposta é a mesma: os contidos, só importan os contidos. O valor dos contidos… e non o número de vídeos por cada dez postes, nin o número de enlaces, nin o de comentarios. O blogue é un medio, a literatura é un modo, e ambos son recursos da cultura. Da altura das obras depende o destino da cultura. Da profundidade dos seus valores, da amplitude da súa perspectiva, do seu humanismo. A política, como dicía Agostinho Da Silva, se quere ser eficiente procura non perder o paso.

Share
Standard

2 thoughts on “Os axentes culturais na encrucillada

Comments are closed.