Petición de apoio do historiador Dionisio Pereira

Libro de Dionisio PereiraChéganos unha carta que Dionisio Pereira dirixe a amigos historiadores e colaboradores coa recuperación da memoria histórica en que solicita apoio tras a demanda de conciliación que diversos sucesores de cargos franquistas e de membros da Falaxe lle teñen presentado e que, segundo el mesmo anuncia, «se verá o día 15 de febreiro ás 11:00 h. no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, editado en 2006 por Verbo Xido, a seguinte frase:

“Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….”

Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e prexuízos sufridos, “en la contía que se determinará en el momento procesal oportuno”.

Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a sete veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. […] Non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademais, son familiares directos dos asasinados.

En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento per secula seculorum da impunidade dos agresores, asumida hoxe en día polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.
Entendo, pois, que isto soborda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros “incidentes” similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.»

Segundo parece, son varios os casos en que se sospeita unha manobra que pretende obstaculizar as actividades de historiadores e colectivos comprometidos co desvendamento dos crimes cometidos polos represores da dictadura.

Xunta o historiador á carta un texto en que se solicita se lle manifeste apoio através dos enderezos:

dpereirag@terra.es

antenor53@yahoo.es

PS (16/02/2007): Dionisio Pereira recibe abondosos apoios nacionais e internacionais.

Share

5 comments to Petición de apoio do historiador Dionisio Pereira

  • Da Ponte

    Tirado de http://www.cntgaliza.org

    Hoxe as 11:00 da mañá, no xulgado de paz de Cerdedo, declarou o Historiador Dionisio Pereira, apoiado por corenta amig@s, compañeir@s historiador@s, unha representación da CNT Galega e xente de ben en xeral.

    A familia do falanxista ex-alcalde de Cerdedo e “presunto”(como din nun veciño país) represor atopabase xa dentro do xulgado,alí entraron Dionisio Pereira e a presidenta da Asociación Verbo Xido para declarar pola primera das duas acusacións; saindo dez minutos despois sen terse retractado de nada. Do mesmo xeito se produxo a segunda declaración as 11:30, dandose as mesmas circunstancias, pasadas as 11:40 saia pola porta Dionisio Pereira entre os aplausos dos alí congregados.Mentres, a familia do “presunto”(vestida coma o catálogo de outono de “el corte ingles”), se escabullía non sin antes soltar un viva franco, ben baixino coma fan os cobardes. Alguén dos presentes o espresou moi ben “de padres lobos, hijos lobitos”.

    Esperamos que esta publicidade que os “lobitos” estan dando o libro A Represión en Cerdedo e os historiador@s coma Dionisio Pereira sirva para que a verdade chegue a moita mais xente, e que Dionisio e demais historiador@s doblen o seus esforzos recuperando a memoria do noso pobo asasinado,reprimido e obligado a vivir nunha longa noite de pedra que os “lobitos” queren que siga moitos anos.

    SAUDE OS QUE LOITAN.

  • Da Ponte

    Tirado de http://www.cntgaliza.org

    A familia do antigo alcalde de Cerdedo e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar de 1936, Manuel Gutiérrez Torres, ten presentado unha demanda de conciliación contra o historiador Dionisio Pereira González que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo. Dionisio Pereira, especializado no movemento obreiro en Galicia e na represión durante e despois da guerra civil, foi denunciado por publicar a seguinte frase:

    “Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….”.

    A frase apareceu publicada no libro “A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo” editado en 2006 por “Verbo Xido”. A denuncia tamén recolle unha frase semellante publicada nun traballo do mesmo historiador incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003.

    A familia de Manuel Gutierrez Torres esixe ao historiador que se retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que pague unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, “en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno”.

    Dionisio Pereira asegura que pode nin quere retractarse, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se “pasearon” a 7 veciños, e houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións sen taxa. O problema deste historiador é que só dispon de fontes orais, posto que os sistemas de represión do franquismo non teñen a penas referencias documentais e ficaron impunes.

    Dionisio Pereira considera que está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes, e que esta denuncia sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomada en conta xunto con outros “incidentes” similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que traballan na recuperación da memoria da represión franquista A Confederación Nacional do Traballo (CNT) quere facer público o seu apoio ao historiador Dionisio Pereira fronte a esta agresión ao seu traballo e á liberdade de expresión e investigación. Como sindicato ao que pertencían boa parte dos represaliados de Cerdedo, e coñecendo en carne propria o sistema de represión do franquismo e a persistente ocultación desa represión en épocas posteriores, esiximos que Dionisio sexa absolto desas acusacións e poida seguir investigando e sacando á luz a nosa historia real, a de tantos e tantos mortos e vivos anónimos que algúns se empeñan en que sigan sufrindo a represión fascista.

    Consideramos ademais que a frase denunciada é incluso excesivamente tolerante, xa que sabemos, como parte que somos dos represaliados, que todos os xefes locais de Falange desa época eran non só “presuntos participantes” se non directos organizadores e responsables desa represión.

  • Ramiro

    A seguir do dito por Pedro Casteleiro acho que todos nós, os que não vivemos directa nem mesmo indirectamente estes feitos, vemos aparecer a enormidade da barbárie cometida naqueles anos. E um sente que é preciso conhecer todo o ocorrido para, só logo, dar a necessária reparação a quem o merecer e começar a andar desde essa consciência um tanto ferida mas também avisada dos perigos existentes em toda época para quem tem na Liberdade o seu farol sobre a vida.

  • Muito do que está a acontecer neste país nos últimos três anos é uma autêntica loucura: pessoalmente creio -e crê comigo alguma gente bastante conhecida que se manifesta publicamente nos últimos dias- que é já preciso resolver judicialmente certos excessos, habitualmente orais, por mais sinal radiofónicos. Existe a sensação de que a sobrecarga de ódio e de simplificação há-de ser calmada já fora dos mídia, matizada em justiça. Agora este excelente historiador ficou atrapado no actual cenário bélico, e eu -pessoalmente- embora sou a favor de saber-se a verdade, pergunto se não será precisamente perante um bom juiz que a verdade e a justiça sobressaem? O problema agregado é, claro, que (sobretudo depois do recente escândalo do Constitucional) todos temos o receio de que nem essa possibilidade, a de um tribunal justo e isento de tendências ideológicas, tenhamos com garantias.