Alfredo Ferreiro, Poesia

Para unha luz ausente, de Xavier Seoane

A partir de foto de Vari CaramésO amor, a chave da vida, é un bocado degustado entre as ramas da continxencia. E a morte unha sombra soportábel grazas á luz dun corazón aceso.

As figuras do amado e a amada penétranse mutuamente, transportándonos ao plano espiritual na reunificación do andróxino, símbolo alquímico en que masculino e feminino son aspectos primordiais que procuran fundirse e resolver a soidade fundacional que move o ser humano.

A amada vístese cunha pureza propia da excelsa natureza, en fórmulas de raíces profundas e potencia telúrica, un magma carnal do que vimos e ao que regresamos. Mentres o percurso vital perdura, o perfil da amada aparece ante o poeta vinculada ao segredo, aos soños e ao mar, como se nas súas formas físicas e psíquicas se revelasen os valores intanxíbeis da vida. O mar, neste sentido, complementa o imaxinario traendo para o discurso poético “tudo o que não sei contar” (Jobim). A inmensidade do sentimento, indefiníbel pola súa amplitude, porén cabe na palabra.

E non só: esta perspectiva creativa de Xavier Seoane está inserida na nosa milenaria tradición amorosa, desde a Persia até ao Finisterre. Aqueles versos medievais que, místicos en esencia mais en presenza carnais, elevaban a señora a norte magnético, flor anunciadora, camiño sagrado dos servidores do único sentido da existencia.

Fotografía: versión da que Vari Caramés realizou para a presentación do libro.

Share
Standard

4 thoughts on “Para unha luz ausente, de Xavier Seoane

  1. Pingback: O levantador de minas » O fogo inexplorado: o ensaio poético universal desde aqui

  2. Pingback: O levantador de minas » O fogo inexplorado: o ensaio poético universal desde aqui

Comments are closed.