Alfredo Ferreiro, Entrevistas, Poesia, Tati Mancebo

Entrevista: Yolanda Castaño

P: Aparentemente estamos a vivir un bo momento para a poesía na Galiza. Aprezas algunhas iniciativas concretas en canto a estilos e tendencias de grupo ou consideras que se trata da suma de múltiplas individualidades que se manifestan no mesmo contexto?

Yolanda CastañoR: Talvez uns anos atrás se deu un contraste grande entre as poéticas e a dinamización poética. Nos anos 90 abondaban os colectivos poéticos que, paradoxalmente, acollían poéticas marcadamente individuais. Actualmente a poesía galega vive un momento de excelente saúde e nela atópase a vangarda da poesía, mesmo a nivel estatal, e aínda máis, cunha multitude de poéticas moi comprometidas coa propia creación, con capacidade inovadora tanto no propio discurso como noutros elementos extra-estilísticos que veñen dados polas novas tecnoloxías e a mestura de xéneros.

P: Cales son para ti exemplos representativos desta última tendencia?

R: Desde Elvira Riveiro até Ana Cibeira, Sara Jess, Nela Que, Alicia Fernández, Daniel Salgado, Carlos Solla. Son individualidades que están a xurdir, varios deles/as na Rede, sen que se estea dando un relevo xeracional claro, como grupo, tal como aconteceu en 90, pero igual de interesante.

P: Mencionas o compromiso dos artistas dunha perspectiva nova, diferente do que se entendía até agora máis ben como compromiso político?

R: Estaba a falar do compromiso coa propia creación, tratando de crear desde a autenticidade e desde a capacidade de tratar de ofrecer unha mirada propia e persoal. Contodo, o simple feito de escribir poesía implica un forte compromiso político de por si.

P: Cal é o estado de saúde da relación entre as novas xeracións coas inmediatamente anteriores?

Yolanda CastañoR: Creo que é importante ser consciente da tradición á que pertences xa sexa para reverenciala ou para apartarte dela. Afortunadamente tradición non é un termo dogmático e hoxe en día remite para toda esa contaminación tanto do máis próximo como dos distintos xéneros, linguaxes e correntes: tanto a publicidade como as artes visuais como calquera outra cousa.

P: Cres que os distintos axentes do sistema literario están a recibir adecuadamente esa tentativa dunha parte dos novos creadores que sinten a necesidade de reivindicar unha orixinalidade que rompe co inmediatamente anterior?

R: Pero realmente credes que hai tanta diferenza como puido haber na ruptura da Xeración Nós coa anterior, por exemplo? Non creo que sexa tan diferente do que puideron reclamar outros antes. Toda xeración trata de atopar o seu lugar e, en parte, rachar co anterior; unhas dun xeito ou por unha vía e outras por outra. Simplemente ten que pasar o tempo e as súas obras poranos no lugar que lles corresponda.

P: O sistema literario galego é receptivo a acoller novos valores, toda esta explosión de orixinalidade que estamos a experimentar?

R: Pese a quen lle pese, si. Calquera discurso fornecedor de contido, que cree valor, que pague a pena, sempre acabará por saír. Non creo demasiado no mito Van Gogh de “non me comprenden mais dentro de cen anos falarase da miña obra”. O tempo fará peneira pero, independentemente do formato, a calidade sairá adiante e o tempo poráa no seu lugar.

P: Cres que o valor recoñecido da poesía galega na actualidade, en relación coa produción nas outras comunidades autónomas e mesmo na súa situación no ámbito internacional, se debe a un pulo esencialmente creativo ou están a darse outras circunstancias estruturais que o promoven?

Creo que é máis un pulo creativo e suma de vontades individuais. É certo que algúns organismos e institucións están a facer un certo esforzo de promoción da poesía galega (algúns premios, algunhas revistas, algúns pequenos espazos editoriais…), pero é máis a vontade individual, a consciencia e o compromiso dos propios actantes.

P: Desde hai tempo reivindicas a profesionalización como axente cultural. Realmente é posíbel e positivo para a cultura?

Yolanda CastañoR: Alguén dixo que a vida é o que che vai pasando mentres ti planearas outra cousa. Os meus planos eran ser funcionaria e escribir no meu tempo libre mais a vida foime poñendo diante pequenos retos que fun asumindo con diferentes resultados até que fun vendo que talvez era posíbel a profesionalización. Chegada a este punto asúmoo con consciencia e reivindico a necesidade de dignificar o oficio do escritor/a ou do axente da cultura case como un termómetro da cultura do propio país. Unha cultura saudábel non pode ser totalmente subvencionada senón que temos que aprender a xerar o noso propio mercado. Hai escritores que se queixan de falta de mercado mais non están dispostos a participar de maneira activa na súa promoción, os editores tamén teñen moito por facer, de modo que entre todos vaiamos sementando a creación dun verdadeiro mercado propio. Non teño dúbidas de que na propia oferta está o xermolo da demanda, mais lamentarse non arranxa nada. Eu pasei media vida ofrecendo diversos proxectos ante diferentes instancias até que chegou o momento en que me comezaron a chegar a min as propostas.

P: Estás satisfeita de como te tratou a crítica até agora?

R: O certo é que non me podo queixar para nada. Aínda así penso que ás veces, e só ás veces, dáse o caso de que se fan pasar como visións obxectivas simples cuestións de gustos persoais e creo que son aspectos que deberían correr ben diferenciados. Isto acontece tanto coas opinións concretas sobre determinadas obras como con determinadas antoloxías que acaban pasando como mostras representativas do panorama literario cando só o son das preferencias persoais do antologador.

Alén diso síntome afortunada porque levo tempo participando tamén en circuítos estatais e algúns internacionais. Iso quere dicir que a poesía galega comeza a gañar público e crítica alén das súas fronteiras.

P: Cal é a túa actitude creativa actual?

R: Ando inmersa no que será o meu próximo libro e na miña cabeza resoan constantemente os ecos da música, a publicidade e a experiencia poética nacida do contacto directo con outros poetas como Elena Medel, Sofía Rhei, Juan Antonio Bernier ou Daniel Maia Pinto, xente que na actualidade vexo case con máis frecuencia que aos meus compañeiros galegos. Ultimamente procuro unha liña máis clara, cun compromiso forte coa propia creación e comigo mesma.

P: Contextualmente O libro da egoísta mostra unha procura patente de orixinalidade, cun atrevemento próximo ás vangardas, en contraposición a outras escritas máis lineais e sociais.

R: Todo poeta procura a súa propia orixinalidade e nese sentido non lle concedería ningún valor extraordinario. É un libro desgarrador e desgarrado.

Yolanda CastañoP: Para onde camiña a túa lingua literaria?

R: Sigo buscando e aposto pola procura aínda que algunha vez a atope. Acredito en que cando un creador atopa a fórmula está morto. Persigo hoxe en día unha liña máis clara mais resístome a confundir a procura poética coa procura da poética.

P: Como afrontas esta túa nova etapa desde a dirección da nova galería Sargadelos da Coruña?

R: Moi ilusionada porque creo que se poden facer moitas cousas. Precisamente é unha plataforma para dinamizar a vida cultural coruñesa e a galega se se deixa, cun espazo estupendo para poder facer exposicións, presentacións de libros, charlas para todo tipo de públicos, de todos os xéneros e tratando de recuperar o público máis novo e tratando de ‘desolemnizar’ o feito cultural. Poremos a andar distintos ciclos, como os “martes literarios” en que un escritor lerá textos da súa autoría e establecerá un diálogo cos seus lectores. E os “venres de lecer”, con pequenos concertos acústicos, performances, monólogos, procurando un encontro cos aspectos máis lúdicos da cultura.

Creo que todo isto é posíbel porque no proxecto Sargadelos permanece vixente o compromiso cultural defendido desde a súa fundación.

Entrevista: Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Fotografías de Y. C.: Alfredo Ferreiro.

Share
Standard

7 thoughts on “Entrevista: Yolanda Castaño

  1. manolete says:

    Pertenece a la mafia rosa, organizacion criminal literaria con sede en granada y que dirije Luis Garcia Montero, como ejemplo de su actividad criminal tenemos por ejemplo el premio de poesia federico garcia lorca, lo convoca Juan Garcia Montero, esta en el Jurado su primo Luis Muñoz Montero, gana el premio Angel Gonzalez, que revanea todos los veranos en Rota Cadiz con Luis Garcia MONTERO, almudena grandes, Joaquin Sabina y otros miembors de la mafia Rosa.

  2. Pingback: O LEVANTADOR DE MINAS » Sobre os froitos do “egoísmo”

  3. Ernesto Vázquez Souza says:

    Enfim. Cada quem tem que termar do que escreve e diz.

    Acho que esta mulher tem muitos boletos para ser herdeira nuns anos do “grande” Carlos Casares.

    Apenas uma cousa. O de Sargadelos do último parágrafo é uma indignidade. Francamente era bom lermos de quando em quando algumas cousas de Seoane (que não é Diaz Pardo).

    Saúde,

    Ernesto

  4. Pingback: chuza.org

Comments are closed.