Cea das Letras 2007

Hotel Puerta del Camino

Este sábado cinco celebrouse a Cea das Letras, evento en que a Asociación de Escritores en Lingua Galega recoñece as obras máis votadas do ano anterior.

Os gañadores, que xa oportunamente referenciou Cabaret Voltaire, foron os máis votados de 347 votos válidos totais, como declarou o presidente da Asociación Cesáreo Sánchez Iglesias.

A cea e o acto que a xustificaba decorreron plácida e sobriamente, como é de desexar para un evento a que tanta xente se suma e tantas expectativas suscita. A corrección no servizo e a áxil organización dos membros responsábeis da Asociación facilitaron eficazmente un contexto para a fraternidade e a comuñón das vontades artísticas.

A entrega de premios, non obstante, non deixou de ofrecer algunhas situacións pintorescas que, de non existiren, converterían este post en algo inxustificado. Foi curiosa, por exemplo, a reacción de Marica Campo cando o seu libro de poemas foi escollido na sección de infantil e xuvenil, debaténdose ante todos entre a contrariedade e o agradecemento: “Ben se ve que existe unha maioría de poetas”, dixo cando recollía o premio.

Gustavo Pernas, pola súa parte, agradeceu o seu mentres afirmaba que para el tiña un sabor agridoce debido a que a Xunta viña de negarlle a axuda correspondente para erguela nos escenarios. Non deixou de aproveitar a ocasión para dirixirse á Conselleira de Cultura (alí presente) e reclamarlle que o Goberno tiña así unha rara maneira de apoiar o teatro galego.

Ana Romaní, que subiu para recibir o premio á difusión cultural concedido ao programa Diario cultural, quixo facer patente a débeda que o programa ten contraída cos escritores galegos: “Aos escritores grazas por termar de Diario cultural cando era un programa que só comezaba a agromar polas esquinas da programación radiofónica”.

No ámbito internacional da noite, o premio Escritor Galego Universal entregado ao angolano Pepetela suscitou palabras como estas: “é uma honra ser considerado escritor galego […] Um escritor é feito também por uma literatura, é por isso que quero partilhar com os meus antecessores esta honra […] Muito obrigado porque, aínda que estou na Galiza pela primeira vez, parece-me realmente que nunca saí dela”.

Canto ao premio de narrativa, que Manuel Rivas veu recibir acompañado e na hora da sobremesa, é evidente que non houbo sorpresas. Antes, como xa se divisou nalgún xornal, reparos por excesiva reincidencia. O que si foi patente, para alén de que a isto contribúa chegar tarde e atravesar en solitario polo medio de trinta metros de xente sentada, é a expectación que a súa presenza produce en moitos dos seus colegas, o que isto escribe incluído. Trátase, creo eu, dunha certa etiqueta que pendura do seu traxe e que poucos poden vestir, aínda que tantos teñan a ilusión de facer da literatura unha profesión. Subiu cando lle tocou, tentou ser ocorrente e apañou o que lle correspondía. E ben está, porque esa novela o vale.

Share

3 comments to Cea das Letras 2007

  • Bastonada

    Hahaha! Pois então vai-che boa. Escritor que não lê, escritor que não escreve… (Contudo, ainda poderá apanhar uma boa subvenção, ou um prémio “literário”)

  • Os hoteis deste calibre teñen salas inmensas, compañeiro. E había ben xente, podes acreditar.
    Evidentemente, hai máis escritores que leitores: todos os que lemos escribimos mais non todos os que escribimos lemos.

  • Ernesto Vázquez Souza

    trinta metros de gente sentada?

    E logo há mais escritores que leitores?