“Rinocerontes e quimeras”, de Marcos Calveiro

freaks01.gifCon Rinocerontes e quimeras, de Marcos Calveiro, asistimos entusiasmados á aparición da novidade literaria, unha vez que a recoñecíbel cualidade da obra permite apreciar esta virtude. Non é só por ter escollido como protagonistas un grupo monstros que viven de mostrar a súa deformidade en público, nin pola ambientación ben representada da norteamérica de fins do dezanove, senón pola riqueza en xeral de motivos de época de elevada suxestión, como a introdución de escritores famosos no contexto das orixes do mundo editorial dos EUA, ao parecer tan suburbial e arrabaldesco como o secuestro e prostitución de obras literarias. Ou o motivo dos autómatas, claro contrapunto científico á deformación “natural” que os propios protagonistas representan, como se as mentes lúcidas da sociedade mostrasen cos avances tecnolóxicos a precariedade dos procesos naturais, caprichosos e crueis, isondábeis e tristes. É difícil representar con máis forza literaria a soidade do ser humano, cando a inserción social se revela tan difícil, e tan dura e tan rixa a capacidade da sociedade para asumir a diferenza.

automate_turk.jpgO motivo dos autómatas, non quero esquecer, foi recollido polos surrealistas franceses como mito do século na sua habitual teorización poético-psíquica. Algo de surrealismo respírase en Rinocerontes e quimeras; non necesariamente unha pretensión vangardista, senón un gusto por facer arte con residuos orgánicos (“pseudopersoas”), na marxinalidade hiperbólica que o tema suscita. Hai, por tanto, un aproveitamento do excepcional para danzar sobre a emoción crónica, aquela que a todos chega cando reflectimos sobre as formulacións máis rocambolescas da xenética. Algo que nos enfrenta á fealdade e á enfermidade como razóns viscerais do rexeitamento, como motivacións aparentemente xustificadas do desprezo absoluto.

Porén, os protagonistas son artistas, colegas de quen a propia novela escribiu. Imaxe deformada de nós mesmos, representan tamén a verdade que dentro levamos e non recoñecemos como filla, a que deitamos no arrabalde cunha actitude que nos impide ser máis humanos, é dicir, vermos antes que cos ollos co corazón. É o caso do personaxe de Balote, de partida un ser sen deformidades que leva na realidade unha vida tan deformada como a dos outros membros da galeria dos monstros. Aquí está talvez a grande reflexión proposta: onde está realmente o raro, o verdadeiramente estraño do ser humano, cando con certeza todos encarnamos unha fórmula irrepetíbel de acertos e fallos?

foto0037.jpgA novela de Calveiro, como ben dixo Martin Pawley na presentación deste sábado no Cultur.gal (en compañía do autor e do editor Ignacio Chao), está ademais memorabelmente escrita. Cunha estrutura narrativa que funciona perfectamente e unha lingua literaria que vai nesa man perfeccionándose en cada nova obra. Para os amantes da literatura de risco, unha obra que se guía pola cartografía da máxima ambición e navega na nosa dirección co vento do talento na velas.

PS: Foi moi agradábel, para alén das xa citadas, ter atopado na Feira a tantas personalidades (que non personaxes, pois non todo é teatro) do Blogomillo: Leco, Ghanito, Opaco, Kavafinho, Brétemas e Ana Bande, a quen tivemos ocasión de coñecer.

Share

8 comments to “Rinocerontes e quimeras”, de Marcos Calveiro