Alfredo Ferreiro, Breves, Poesia

Recital de Enma, Estíbaliz e Eduardo

enmapedreira.jpgOnte acudimos ao recital de poesía que tivo lugar no Centro On de Caixa Galicia n’ A Coruña (Cantón Pequeno, 9-11). Con Lía Santiso como mestra de cerimonias, a primeira intervención estivo a cargo de Enma Pedreira, quen nos propuxo o faro como símbolo do isolamento do ser e logo trouxo para a mesa un grande abano de revisitacións de personaxes coñecidas: Penélope, Carapuchiña Vermella, O Principiño e Alicia “a marabillada”. Tamén aproveitou a ocasión para declarar que a “denuncia social” é para ela unha motivación de peso no seu traballo creativo.liasantiso_estibalizespinosa.jpg

A continuación foi o turno de Estíbaliz Espinosa, quen prescindiu da mesa e apañou a vertical para actuar co telemando na man. Ofreceunos en primeiro lugar unha composición visual de imaxes e poemas, que recitou para todos. Despois puidemos visualizar e oír o podcast Alcohorama, co que gañou o ano pasado o Iº Concurso de Podcasts Poético-Artísticos do Concello de Tarragona (2006).

eduardoestevez.jpgPara cerrar o acto, Eduardo Estévez apañou a cadeira e sentou en frente do público nunha actitude de proximidade que a moitos agradou. Leu poemas dos seus libros publicados, incluídos algúns do seu coñecido poemario Lúa gris, así como algúns textos de proxectos en curso. Reflectiu sobre o concepto de memoria e sobre aquelas experiencias máis significativas da infancia.

O acto decorreu nun ambiente agradábel e case íntimo, pola comodidade e o pequeno aforo que ofrece a sala disposta para estes eventos. Ao principio e ao final, a benvida e o recordatorio de próximas actividades do Centro por parte do persoal da casa foi en sólido castelán, deixando o delicado evento cultural que presenciamos como facendo unha leve marca na até ese momento virxe area da praia dos grandes negocios. Polo que parece, no Centro On de Caixa Galicia o galego semella estar, por defecto, OFF.

Share
Standard

2 thoughts on “Recital de Enma, Estíbaliz e Eduardo

  1. Canta razón tes. Levo tempo pensando en pasar os meus poemas á rede e creo que me acabas de dar a clave. Ás veces resulta difícil ver o obvio 🙂
    Por certo, encántanme os teus deseños e aproveito para recomendalos a calquera que isto lea.

  2. ictioscopio says:

    é mágoa que Alcohorama sexa só un audio para un concurso e non un podcast real, isto é, que verdadeiramente faga composicións sonoras máis ou menos regulares, sindicábeis e descargábeis; é máis, non entendo como fóra de María Lado non hai apenas poetas galegos que experimenten con ese medio… se cadra así algúns aprendían a recitar mellor os propios poemas, que é unha eiva bastante xeral.

Comments are closed.