Cesáreo Sánchez, procurador da idea sensíbel

p1010192.JPGDespois de abandonar ao Xurxo Souto na Feira do libro coa presentación da nova edición ampliada dos seus Contos da Coruña, ás 20:00 estaba eu na Sargadelos acudindo a unha nova cita cos “martes literarios”. O protagonista da velada era Cesáreo Sánchez, poeta que sigo desde a miña tenra xuventude e do que sempre gardei a impresión de ser un home de cálido verso curto e espírito afábel e considerado. Pois ben, desde esta velada ademais terei que acrecentar aos seus atributos unha sinceridade elegante e unha extrema hospitalidade, despois de comprobar como nos ofreceu os mellores produtos da casa poética que leva erguendo ao longo dos anos.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/mCAUv-tS8DM" width="170" height="140" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Ln2Y-KqnTWM" width="170" height="140" wmode="transparent" /]

Comezou Yolanda Castaño unha breve e atinada introdución ao poeta que todos alí aceptamos máis por rigor e cortesía da casa que por necesaria presentación. O recitado de Cesáreo foi ameno, e pairou sobre unha obra publicada que non destaca pola amplitude senón pola vontade de acertar no centro dos corazóns. Como se o poeta se detivese en cada verso, en cada palabra o tempo astral necesario para atinxir a harmonía interior que o universo exixe para a súa escritura, ao estilo do tiro con arco da tradición xaponesa ou da artes caligráficas da China: poemas de Antonte da salamántigas, Evadne, Variacións nube… De facto, no debate posterior sobre a súa obra o autor recoñeceunos sentirse próximo dos fundamentos da poesía do extremo oriente, así como dos antigos clásicos de occidente e de Pimentel, no que mellor ofrecen de estilo despido.

Defendeu tamén o poder da “poesía como forma de coñecemento”, función moito máis profunda do que a simple transmisión de información que a relegaría a ser un medio comunicativo vulgar. Neste punto, asumimos con facilidade que o polimento do texto poético, fusión de cualidades emotiva e silábica, constitúe un exercicio importante de perscrutación na máis profunda humanidade. Mais, preguntamos: eses contidos poéticos poden ser vehículos de coñecemento tamén para o receptor? A resposta foi clara: “Si”. Trátase de que o poema conecte co interior do receptor e outorgue luz nas propias sombras, de modo que cada persoa se sirva do poema conforme ás súas necesidades, “descubra o seu propio mundo poético”, por efecto da cantidade de humana verdade que o poema contén. Cesáreo, neste sentido, afirmou que pretende “deixar o poema aberto para o lector o máximo posíbel” para favorecer esta operatividade poética. Aínda que recoñecía que tal obxectivo era ambicioso, esta conexión supón para el a máxima aspiración. E non será por acaso, pois resulta ser en definitiva a función que á arte toda a Tradición occidental sempre lle outorgou, até como soporte de contidos sapienciais, e que só na modernidade pasa a ser esquecida. Era aquel o tempo dos mestres (docere et delectare), como despois este pasou a ser o dos animadores culturais (entreter emocionando).

Mais non debe servir esta divagación como negación da arte actual, que esta ha de andar para onde lle praza e con moita máis profundidade do que agora somos capaces de ver. O valor do presente tamén foi para o poeta valorizado moi positivamente, sobre todo como ao falar dos parámetros vitais que precisamos harmonizar: “Valoro o cotidiano na poesía. Para min esta acaba revelándose como Destino, e non como un mero escaparate”.

Labrador do verso e procurador da idea limpa e sensíbel, deslumbrounos a alta ambición humanista dun emperador xeneroso.

Share

Comments are closed.