Ramón Villares contra a novela histórica

Ramón VillaresRamón Villares: “A novela histórica paréceme unha mala solución a un problema. Un escritor debe, basicamente, contar o que sucede na sociedade na que vive. Cando ten que recorrer de forma sistemática ao pasado paréceme demasiada perífrase. É un modo indirecto de rexeitar o relato dos historiadores e apreciar outro. Os historiadores deberiamos tomar nota desta circunstancia”. (Culturas, p. 13. Entrevista de Camilo Franco. En La Voz de Galicia, 11-08-2007)

Non me parece razoábel que a novela sexa criticada como xénero desde posicións extraliterarias. Opinións deste teor en contra da novela histórica, un subxénero estabilizado desde o século XIX, delata problemas, si, mais non no ámbito da literatura. Estou de acordo en que no momento actual florece a ficción en demasiadas ocasións, aparecendo como un entretemento que trivializa o interese polas convencionais verdades cotidianas. No caso dos medios informativos, por exemplo, prima o efectismo comercial de tal modo e se afianza o potencial emotivo dos contidos até tal punto que a verosimillanza resalta por riba dunha sensata e verídica mostra do que acontece no mundo. A presenza dun discurso moi modalizado (en termos de Teoría literaria) nas narracións informativas afasta tanto o xornalismo da esencial crónica de acontecementos que me cuestiono se a máis rendíbel “literatura de consumo” non estará hoxe nos medios de comunicación.

Ao mesmo tempo, os literatos asumimos que desde todos os flancos se accede e penetra no literario, que como área do vasto territorio da arte non pertence ás persoas (profesionais ou non) senón aos talentos, é dicir, á forza matricial do espírito poético (“creador”, en sentido etimolóxico). Desde o xornalismo, desde a historia e desde a ciencia calquera que escriba con estilo vagamente literario trascende a comunicación simple e participa da especial transmisión literaria. Calquera tema, portanto, se deste modo escrito, pode facer dun investigador un literato. O que non comparto é que literariamente todas as obras teñan dereito á mesma consideración. Cando cuestiono isto neste blogue en non poucas ocasións acontece que, despois de abondosas liñas de diálogo sobre cualidades literarias, alguén interrompe as valorizacións para preguntar: “mais como se mide a calidade literaria?” Así se demostra que moita xente se atreve a falar do que non sabe. É lóxico discutir con alguén durante unha hora sobre o interese das vacinas para logo interrompelo preguntando que é unha enfermidade?

Así as cousas, este sábado puidemos ler unhas declaracións –referenciadas acima– do máximo representante dunha institución denominada Consello da Cultura Galega (reparen na amplitude do labor), quen asevera sen reparos, nunha páxina específica da Asociación de Escritores en Lingua Galega: “Un escritor debe, basicamente, contar o que sucede na sociedade na que vive”. Non resulta facilmente comprensíbel que alguén se arrogue o dereito a dirixir os parámetros creativos dos novelistas cando descoñece a esencia mesma da creación literaria: o novelista sempre fala do presente, tanto cando fai ciencia ficción como cando fai novela novela histórica. A referencia á realidade é un pretexto para crear un novo mundo posíbel (non real) que permita, en última instancia, a reflexión do receptor sobre aspectos vitais do individuo e/ou da sociedade. Ora, pode acontecer que a referencia a feitos históricos sexa moi relevante; entón o historiador ten a oportunidade de presentarse paralelamente ao literato e esclarecer o coñecemento histórico pertinente; deste modo os estudosos da literatura ampliarían as súas capacidades para distinguir o nivel creativo do documental. A unión de forzas sería rendíbel para a Historia e a Literatura.

Mais neste caso, que historiadores mostren preocupación por potenciais inxerencias dos literatos no seu traballo através da novela histórica só parece un despropósito. Ademais dunha falta de respecto á creación literaria. Desvela, por outra parte, que o labor historiográfico actual probabelmente non ocupa o lugar na sociedade que os historiadores desexan. Que saian ao paso e ergan unha barricada na rúa común da narración escrita só pode mostrar a falta actual de solucións para mellorar a valorización que precisa o seu traballo. Se o motivo para tais manifestacións é este, pobre visión da cultura resulta unha defensa da Historia mediante a crítica denigrante do traballo dos romancistas.

Revisión 24/08/2007: «Yo no diría que estemos ante un fenómeno nuevo -razona Juan Gómez Jurado, autor de El espía de Dios-, sino ante un género con público. Hay que pensar en El nombre de la rosa o en Los pilares de la Tierra. Lo que sí es cierto es que se han incorporado lectores nuevos a través de fenómenos como Harry Potter que facilitan un auge del género. Pero, por ejemplo, Los pilares de la Tierra tiene los mismos elementos literarios que ya utilizaba Walter Scott en el siglo XVII cuando escribió Ivanhoe». (La Voz de Galicia.es)

Share

11 comments to Ramón Villares contra a novela histórica

  • […] Teño hoxe nas mans un exemplar d’ A gran Historia de Galicia, obra que este domingo comezará a divulgar o xornal herculino despois de o ter anunciado durante semanas “a voz en grito”. Parece unha vasta obra, rica en referencias e con pretensións de modernidade. Haberá quen diga, porque xa é unha reiteración similar á da hora do Angelus, que é unha obra necesaaaaaria. É capaz de o ser. Mais a min vénme á memoria o minúsculo debate que aquí iniciei hai uns días e síntome un bocadiño burlado: teño para min que o feito de que na altura se criticase a novela histórica era unicamente para producir un pouco de algarada no ambiente intelectual, e nada serio que se quixese argüír sobre a novela. Nada interesaba falar sobre a novela. Non sei se a estratexia foi do historiador ou do xornalista, pois co que sae nos medios nunca nada disto se sabe con facilidade, ficando todo sepultado pola falta de vontade de asumir responsabilidades. Afinal venden o mesmo. Por iso prometo non entrar a partir de agora en polémicas deste teor con tanta facilidade. […]

  • Ramiro

    Com certeza as achegas para o crescimento do nosso saber são múltiplas, e é lamentável que as tentativas de diversas pessoas de manter para a sua, digamos, territorialização deste saber, uma preponderância sobre as demais seja tão habitual e, também, empobrecedora. Neste sentido as intensas comunicações entre artes e ciências, por citar grosso modo duas grandes parcelas da actividade humana, fazem-se mais desejáveis para as nossas procuras, e por isso mesmo mais se botam de menos (ainda assim não considero mau que este historiador se manifeste sobre a literatura, concordando ou não com as suas posições: é este um bom caminho, ainda que quiçá for preciso deixar preconceitos a um lado e prossegui-lo sem pretendidas superioridades do próprio conhecimento, que só ajudam a cegar toda a amplíssima rede de conexões que surgem, for qual for a origem da procura).
    De todas maneiras, concordo com o Pedro em que seria bom conhecer a intenção real do Ramón Villares ao dizer isto para interpretar correctamente as suas palavras (bem é certo que se assim o fizesse provavelmente não estaríamos aqui falando de todo isto, não é?).
    Saúde.

  • Pedro Casteleiro

    Muito interessante o que dizeis. Acho em falta a própria aclaração do autor de uma declaração tão enigmática -polo menos, tão ambígua.

    Há algo em que concordo, aliás, com o dito até aqui: a conveniência de dessacralizar o nosso conceito de ciência (e não apenas a histórica). A conveniência de focar com um maior relativismo (porque esquecemos que realmente o nosso acervo científico é relativo, temporal e vive sempre à mercê dos novos achados quotidianos).

    Uma reflexão, apenas: não é infreqüente que pola via intuitiva (vem-me muito bem a citação de Graves, que negava a sua erudição) se encontrem cousas de valor para a maior compreensão do nosso lugar no mundo. Diga-se de passagem, sem desfazer no mérito das horas de trabalho, do esforço quantitativo, em que fundamos prioritariamente a nossa meritoriagem ocidental. Mas há, como diria?, uma zona em que os nossos méritos e a nossa liberdade convergem, sucessiva ou simultâneamente, e restam surpreendentes achados.

    Porque, afinal, o que é que se procura? Quer dizer, o que nos resulta essencial, como é que se obtém? Deve ser a ERUDIÇÃO unicamente o objecto da nossa formação e o do nosso planeamento docente no âmbito das ciências humanas?

  • Jimy de Rairo

    Como se mide a calidade literaria?
    Pois moi facilmente amigos, con argumentos. Pero previamente ten que haber un espacio ao que concurrir e igualdade de condicóns, e onde se presupoña a honestidade de recoñecer o mellor argumento.
    Hai novelas historicas excelentes, moi boas. pero nunca superarán as novelas que non son de xenero, porque estás situanse no limite do xenerico, onde aparecen as mellores novelas. Unha novela de xenero, negro ou histórica, ten demasiados códigos elavorados polos que se conducir, é repetición, variación, versión, pero non acada a “novedade”.
    Villares, supoño que está farto de acercarse a novelas que ofrecen unha concepciòn naif da historia, excesivamente ideoloxizada e estetizada até o mal gusto.
    O problema da ficción é a súa necesidade, se se utiliza superfluamente estamos ante un fraude artistico, se se utiliza como único medio posibel para acercarse a verdade do real estamos no bo camiño.

    Villares apunta certeiramente cara a mellor literatura, a que vai como dicía Flaubert a alma das cousas.
    Co que ten que medirse a novela no é coa historia senón co tempo, coa palabra, as frases, os parágrafos, o texto, que percurano seu tempo.
    Jimy de Rairo

  • Estou de acordo, cara Ana, en que se le moita má literatura histórica en lugar de boa literatura. E aínda en lugar de boa literatura histórica e non histórica. O que non son capaz de ver é onde está o —segundo as túas palabras— “irreparable dano que fai esta moda absurda da novela histórica á historia como ciencia. Dende a publicacón do Código da Vinci semella proliferar un xeito de facer literatura que inventa feitos do pasado para construir productos que só teñen obxectivos comerciais.” Porque resulta que da xente que le habitualmente non pouca le unicamente o xornal, as revistas “de actualidade aristocrática e artística” ou a prensa deportiva. E respecto ao lectores de novelas, o fenómeno do best seller, que xa desde os anos cincuenta promove unha edición barata de contidos extremamente dixeríbeis, sempre se apoiou en importante porcentaxe na novela histórica. Son os bodrios dos últimos cinco anos os que impiden a supremacía de Balzac? Eu non o creo. Corín Tellado e Marcial Lafuente Estefanía poden dar paso a lecturas de grande calado ou poden ser as preferencias de toda unha vida. Depende da persoa antes que da obra, penso eu.
    Concedes honores a Morte de rei, de Darío Xohán Cabana, mais sobre as de Rivas e Alcalá que eu citei ninguén se pronuncia. Serán estas “unha mala solución a un problema” para o historiador? Ou na literatura galega non se dan eses casos de novela perniciosa para a Historia? Esa é para min a cuestión, no contexto das declaracións de Ramón Villares e unha vez que a novela histórica ten unha presenza relevante na nosa literatura actual.

  • Aproveito o debate para recomendar as mellores novelas históricas que teño lido:
    Memorias de Adriano, Marguerite Yourcenar.
    Yo Claudio, Robert Graves.
    El nombre de la rosa, U.Eco.
    Morte de Rei, Darío Xohán Cabana (impresionante)

  • Os exemplos que me presentas, prezado Alfredo, ben pouco teñen que ver co que eu critico. As obras que mencionas, O gabinete do Dr. Galigari, La Regenta…non, home, iso non fai dano a ninguén, ¿cómo ía ser? Eu falo doutras cousas, eses bodrios que se venden como novelas históricas e que son tan do gusto dun público cada vez menos lector, cada vez menos crítico, e cada vez menos demandantes de obras de calidade, por iso temos o que temos, o círculo péchase e non temos nin boa historia nin boa literatura. Para min é unha mágoa que o único libro que moitos len nun ano sexa un destes pseudo textos tan perniciosos. Non hai que buscar culpables nos historiadores nin nos escritores, só faltaba. O consumo de mala literatura (en sentido amplo) é simplemente do reflexo momento. ¿A quen lle interesa hoxe Balzac? ¿que sentido ten reflexionar sobre a condición humana nun mundo no que só metran os mediocres e no que non hai máis moral que a dos Códigos Deontolóxicos dos manuais de empresa? NOn é cuestión de ser ou non ser ciencia a historia. Pero dende logo a solución seguramente non a atoparemos na interesada relatividades dos estudos culturais que de así, como por arte do Mago Antón, quere suprimir teorías, metodoloxías e resultados de miles de horas de reflexións para ofrecernos uns “productos culturais” (odiosa expresión) tan soft coma os esta absurda moda do ligh que xa nos está a vender o ar a prezo de cru.

  • Unha novela psicolóxica como La Regenta afecta á Psicoloxía? Un filme como O Rei León ofende a Zooloxía? The Matrix desacredita a Enxeñaría das telecomunicacións e as relixións? Entón todas as novelas sobre a Idade Media, Exipto, o Imperio Romano, etc. tamén son nocivas para a Historia? E as que tratan sobre o Holocausto? Onde pararemos se censuramos todas as narrativas literarias que tratan temas históricos? E a literatura de ficción científica ofende a ciencia? O filme O gabinete do doutor Caligari ofende a Psiquiatría? E a novela negra, rebaixa o traballo dos investigadores policiais e os médicos forenses?

    A novela non perpetúa mentiras porque xa se presenta de partida como ficción, non como verdade, e quen non sabe isto tamén pode non saber nadar ou interpretar un semáforo, mais iso non é problema do escritor. É precisa unha competencia mínima para todo.

    A cuestión destas declaracións para min está, na realidade, no que indirectamente poda supor para obras actuais galegas como Os libros arden mal, de Manuel Rivas ou a triloxía novelesca (Evanxélica memoria) que sobre a represión franquista aos evanxélicos galegos está para rematar Xavier Alcalá. Estas obras son de primeira orde e as primeiras en que pensei cando escribín o post. Falar d’ O código Da Vinci pouco me interesa, teño que confesar: se non tivese vendido o que vendeu non sería obxecto de polémica para algúns investigadores que consideran os datos históricos unha leira da súa propiedade ou como mínimo da súa única xestión.

    Continúo a preguntarme que quería dicir Villares con “a novela histórica paréceme unha mala solución a un problema”. Como non é un problema para a Literatura é de supoñer que fala dun problema da Historia. E semella un erro patente tentar atopar as solucións aos problemas da Historia nos acertos doutras áreas da cultura.

  • Ernesto

    ANA,

    I
    Por que são malas estas obras para a Literatura?

    O comércio de livraria está em fase alterada há vinte anos, por mudanças técnico-económico-sociais que têm quebrado as regras que se sucediam desde os anos 20 do século XX.

    É uma fase na que estes livros têm mercado. Mas este tipo de livros sempre houve mercado, a cousa está em que agora o mercado é impressionante e evidentemente as casas comerciais apostam por produtos que consideram (tras estudos de mercado) mais vendíveis.

    Existe como sempre edição independente em muitas línguas e desde muitas perspectivas. De facto há mais que nunca houve.

    Os bons livros continuam abrolhando de editoras em mãos de gente com formação e gosto leitor, capazes de arriscar por textos de autor e continuam a encher as prateleiras das livrarias independente e de velho. As livrarias independentes geridas por bons profissionais, como as editoras cada vez são menos, foram fagocitadas e devem re-organizar-se nas margens do sistema comercial (nisso, acho estão) as de velho andam com vida e comércio remoçado pela internet.

    II
    A história é uma ciência?

    Eu, como nado numa cultura relativista que leva séculos (pois é muito antiga) a dar-lhe a história apenas o carácter que tem de narração interpretativa do passado não acredito em se a História, ou a crítica literária dos textos do passado uma ciência, apenas uma parte dos estudos humanísticos.

    Acho que essa pretendida cienticidade é uma das mais sucedidas mentiras da propaganda nacionalista (imperialista) do século XIX.

    Desde os tempos mais recuados a História era a narração a maior glória dos poderosos colectivos (Casas, Igreja, dinastias..) ou oprivados (Reis, senhores de casas linajudas, altos mercaderes, generais, tribunos) ou a narração polémica -e susbstitutiva- contra esses discursos.

    A maior parte da História e do escrito dos historiadores académicos desde a modernidade (ponhamos desde mediados do XVIII) que conheço é simplesmente a LITERATURA da NAÇÃO.

    Pode alguém negar o facto de ser a História no século XX, além de propaganda a serviço das grandes ideologias tanto as prévias a II guerra Mundial como durante a Guerra fria? Ou posteriormente aos 5O e cada vez mais a narração dos grupos e elites de poder quanto a dos projectos alternativos ou questionadores desse poder?

    Para mim a história deve compreender a análise dos discursos ideológicos tanto dos dominantes como dos alternativos e analisar as narrações em que se explica o passado apenas para adoutrinar e justificar o presente. E para fazer isto, bem ou mal, não se precisa ser historiador, chega com ser humanista, mas certamente com conhecimento de línguas, filosofia, religiões, economia, numismática, cartografia, geografia, astronomia, análise textual, música…. saberes antigos e modernos, dotes dedutivas, grande capacidade leitora e interpretativa perspectiva relativista e especialmente boa capacidade narrativa.

  • Non interpreto as declaracións de Villares como ataque á literatura. Máis ben aprecio que critica o irreparable dano que fai esta moda absurda da novela histórica á historia como ciencia. Dende a publicacón do Código da Vinci semella proliferar un xeito de facer literatura que inventa feitos do pasado para construir productos que só teñen obxectivos comerciais. Nin a literatura nin a historia acadan beneficio algún con estes textos. O coñecemento histórico sae moi perxudicado porque os lectores adoitan crer todas estas paiasadas e afástanse cada vez máis do coñecemento dos verdadeiros feitos do pasado. Perpetúanse mentiras e tópicos que non axudan a entender procesos do pasado e impiden unha reflexión crítica sobre os mesmos, e esto ten implicacións moi perniciosas na sociedade, xa o sabemos.

  • Ernesto

    Curioso não?

    Ou ele é um hipócrita ou muito exigente a respeito do que seja um Romance histórico?

    Ele que é historiador, não apenas um historiador qualquer, senão um dos historiadores que tem feito que a Historiografia galega percorra pelos caminhos aparentemente modernos e também negadores da própria tradição historiográfica em que estamos.

    Não achais inconsequente isso com escolher para discurso de ingresso na RAG, não um tema sobre labregos, emigração, história económica, o XIX mas apenas Arredor de Si, Solóvio e Otero Pedrayo?

    Ou logo que é Otero Pedrayo? Um narrador psicológico?

    É curioso. Vicetto na década do 1850 tinha exactamente a perspectiva inversa quando considerava -muito modernamente a respeito do que um século mais tarde destacou Hayden White- que estava a criar com a sua narrativa histórica um gênero novo na Espanha uma narrativa novelada ou uma historia narrada.

    Murguia, pouco depois seguindo a escola celto bretona (Renan, Chateuibriand, Hersart de la Villemarqué) teorizaria apenas que esse era o jeito “feminino” e celta de transmitir a cultura, a história, a experiência, a sabedoria.

    saúde