Alfredo Ferreiro, História, Narrativa, Notícias

“Unha obra que reflicte todo o que se sabe de Galicia”

Oráculo de DelfosTeño hoxe nas mans un exemplar d’ A gran Historia de Galicia, obra que este domingo comezará a divulgar o xornal herculino despois de o ter anunciado durante semanas “a voz en grito”. Parece unha vasta obra, rica en referencias e con pretensións de modernidade. Haberá quen diga, porque xa é unha reiteración similar á da hora do Angelus, que é unha obra necesaaaaaria. É capaz de o ser. Mais a min vénme á memoria o minúsculo debate que aquí iniciei hai uns días e síntome un bocadiño burlado: teño para min que o feito de que na altura se criticase a novela histórica era unicamente para producir un pouco de algarada no ambiente intelectual, e nada serio que se quixese argüír sobre a novela. Nada interesaba falar sobre a novela. Non sei se a estratexia foi do historiador ou do xornalista, pois co que sae nos medios nunca nada disto se sabe con facilidade, ficando todo sepultado pola falta de vontade de asumir responsabilidades. Afinal venden o mesmo. Por iso prometo non entrar a partir de agora en polémicas deste teor con tanta facilidade.

Agora, se queren ver unha mostra de puro márqueting, e talvez a afirmación máis fachendosa da Historia da Galiza, lean o publicado no mes de maio: «A gran Historia de Galicia non é unha enciclopedia, porque tampouco pretendía selo. Pero é unha obra que reflicte todo o que hoxe se sabe de Galicia. E non é o resultado dunha paixón política ou dunha ideoloxía senon dunha lenta e sistemática investigación». (La Voz de Galicia.es) Só lles faltou dicir que tampouco era o resultado da falsaria imaxinación dun miserábel escritor. Como se a Historia non estivese fundamentada tantas veces na paixón política ou na ideoloxía! Porventura todos os autores desta obra son seres sen paixón nin ideoloxía? Mais unha vez o timo da información obxectiva, diaria ou histórica, mais polas nosas vendas perdoamos o que en outros denunciamos como falta de integridade.

Esquecerei o tema, porque a obra, contodo, ben pode merecer a pena. O que non me parece de recibo é que intelectuais que presumen de profundidade de pensamento e sólidos saberes trivialicen outras áreas da cultura dependendo dos seus intereses inmediatos. Son claras as responsabilidades que teñen, no sentido de ofreceren á sociedade unha actitude exemplar sobre o respecto que se debe ao traballo no eido cultural.

Share
Standard

2 thoughts on ““Unha obra que reflicte todo o que se sabe de Galicia”

  1. Ernesto says:

    Sem dúvida ganharão dinheiro. Alguém pode acreditar que uma História que se edite sob a marca VOZ pode conter alguma das principais linhas explicativas da Galiza?

    E logo não é a Voz um dos principais agentes na manipulação da Galiza, do seu presente e história desde fins do XIX.

    A verdade é que quando alguém faça a sério a história do XIX tem de fazer a do Caciquismo, tem de fazer a de Bugallal, Riestra e da Família Montero Ríos (Latorre, Garcia Prieto, Fernandez) e a da intelectualidade e políticos que se promociona desde esta plataforma.

    Mas agora que penso: Barreiro e Villares são historiadores de reputada reputação e compromisso com uma ideia e memória de Galiza (não colectiva, nem radical) como afirma Blanco Valdés desde essa límpida tribuna da Voz.

    E certo a polémica de Villares é para vender esta historinha e essa grande em 12 volumes (a de Espanha) que dirige com Josep Fontana que está também a sair mesmo.

    Hei-nas ler, de qualquer jeito. Mágoa já não se cuide tanto o estilo.

    apertos

Comments are closed.