O anxo delincuente

Amadeu Baptista
Antecedentes criminais. Antologia Pessoal 1982-2007.
Edições Quasi: Vilanova de Famalicão, 2007.

Titulo esta breve presentación da obra de Amadeu Baptista tal como fixen a primeira vez que escribín sobre ela. Pasaron oito anos e viñeron máis dez novas obras, e a perspectiva que defendín na altura como específica da súa poética debe manterse; porque na súa obra o ser humano, puro e portanto divino de partida, continúa a ser descrito na súa polución permanente polo demoníaco através da experiencia da vida.

Así, unha infancia saturnal continúa a ser unha das pedras basilares. A infancia de quen recoñece nas treboadas familiares un destino inmerecido, sobretodo para quen pola súa idade non debe cumprir penitencias. Eses cálculos cardíacos que todos coñecemos, e que algúns individuos engrosan inevitabelmente no corazón até que ningún espazo resta para a alegría. Porén, Baptista fálanos ademais do amor, chave do sentido da existencia, da creación artística como exploración de ámbitos de liberdade e da vontade gnóstica a que como actitude final todas estas experiencias deben conducir un intelecto rigoroso.

Polo camiño, moitas torres caen perante as ansias do poeta por reflectir sobre a utilidade de certas actitudes humanas, en particular no social. Así, as institucións relixiosas resultan indirectamente sinaladas como baluartes da traizón ao humanismo que todas elas se atribúen, cando os seus símbolos son diseccionados polos escalpelos do amor e a xustiza: “LAVA PÉS / Cingido o corpo aos vossos pés solenes, / com os joelhos em terra a as mãos na água, / inclinando-se a cabeça para o chão e o olhar / à tensão das coisas submetido, / suporto-vos a maldição de serdes homens, / criaturas da terra que o céu acossa.” E as políticas, pola súa parte, son enfrentadas ao seus mesmos alicerces: “Por essa estrada ia a descobrir os gregos / e não tardei a ver com que punhais / trabalha a insídia e aos abutres / se não devem confiar os braços levantados / para a prece comum.”

Poesía sen circunloquios, dirixe ao alvo máis sensíbel imaxes nítidas de realidades esenciais encarnadas en verso sólido e polido, sabendo cada cousa chamala polo seu nome. Un nome poético, é claro, o máis exhaustivo na descrición da complexidade do mundo.

[Texto publicado en Protexta, 3 (Suplemento da revista Tempos Novos)]

Share

1 comment to O anxo delincuente

  • […] É realmente un poeta que coñece ben a Galiza, como testemuñan as súas innúmeras colaboracións en proxectos galaicos aquén e alén Miño. Coñecino no Festival de Poesia no Condado a mediados de 90, e desde a altura non puiden deixar de ser un fiel admirador do seu traballo poético. Neste sentido, hoxe teño o pracer de anunciar que estou a traballar nunha selección bilingüe da súa antoloxía persoal Antecedentes criminais. Un poeta ao que xa nada fica a demostrar, mais que haberá de cesar no seu labor de destilador da palabra: […]