Plantando libros, unha exposición plástico-literaria

Até o 15 de decembro estará agardando por vós na Biblioteca Pública González Garcés d’ A Coruña a impactante exposición Plantando libros, composta por harmónicas xuncións de ilustracións e textos literarios dispostas na vertical de luminosos e amplos corredores, para a recíproca dignidade de biblioteca e obras de arte. Trátase dunha colección de ilustracións en que os artistas mostran o instante posíbel dun argumento non desenvolvido, simplemente suxerido na mente do literato que tivo posteriormente que acompañalo cun texto paralelo. Así, a escrita “ilustrou” momentos plásticos de sorprendente inspiración, fornecendo para eles un cadro de contido argumental complementario.

A inauguración foi o 8 de novembro no Salón de actos da Biblioteca, e contou, para alén da súa directora Laura González-Garcés, con membros destacados da directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI): Manel Cráneo, Suso Cubeiro e Santy Gutiérrez. Moitos e suculentos foron os temas tratados na presentación, nalgúns casos cruamente presentados por unha directiva que recoñece a necesidade urxente de melloras nas circuntancias laborais dos ilustradores.

Segundo os directivos da AGPI alí presentes, na Galiza só o 35% dos ilustradores logran vivir da ilustración, en todo caso co estatus de traballador autónomo. A media dos ingresos anuais para o 60% dos socios (por volta de 90) aproxímase dos 12.000 euros brutos anuais.

Segundo estimaron, moita é a calidade e a cantidade de ilustradores na Galiza, o que non impide que se vexan habitualmente forzados a traballar para mercados extranxeiros. Moito mellor se traballa para Madrid que para Santiago, e mellor aínda para París. “É difícil vivir disto e non ter entrado no mercado estatal ou internacional”, afirmaban a coro.

Na Galiza non fan moito os 60 euros por páxina que moitas veces se pagan, sobre todo cando ter 10 páxinas encomendadas por mes non é algo que apañe calquera. Como en tantos sectores creativos, falan das editoras como responsábeis principais das fraudes que os impiden progresar. Manel Cráneo: “Imaxinen que un libro de texto leva as miñas ilustracións e que eu acepto percibir polo traballo de tres meses 6.000 euros. Ben, parece un traballo decentemente pagado. Agora imaxinen que o libro de texto foi clonado 100.000 veces, e que a min como ilustrador me correspondían na realidade 2,5 euros por exemplar. Agora imaxinen a miña cara cando descubrín a importancia dos meus auténticos dereitos.”

Unha vez terminada a presentación tiven o pracer de coñecer outros ilustradores, que tamén aceptaron asinarme no catálogo da exposición as súas obras: Calros Silvar, Javi Montes e Luís Sendón. Pola súa parte, Pintureiro, membro da AGPI que para a miña sorte non participaba nesta exposición, viuse obrigado a improvisarme un fraternal deseño que asinar.

Fiquei impresionado coa profesionalidade realmente inspirada dos traballos. E gustei inmensamente do que para min foi un novo xénero artístico, de carácter plástico-literario, de pequeno formato mais de incalculábel poder suxestivo.

Revisión 18/11/2007: máis fotos do evento en “AGPI na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés“.

Share

9 comments to Plantando libros, unha exposición plástico-literaria