Encontro de tradutores en Mariñán

Entre o 30 de novembro e o 2 de decembro participei no intenso V Encontro de Escritores Galegos que se celebrou no pazo de Mariñán e que tivo como título “Os Ámbitos da Tradución”. Todo estivo organizado por Luciano Rodríguez a quen quero lembrar agarimosamente, pois no último momento non puido presidir as comunicacións por certos problemas de saúde. De tódolos xeitos o seu discípulo e amigo Xosé Manuel Fernández Castro, Pepes para os amigos, supliuno con toda dignidade. Os invitados presentes eran María Xosé Queizán, Tareixa Roca, Valentín Arias López, Henrique Harguindey Banet, Manuel Bragado, Manuel Cartea Gómez, Xulián Maure, Luís García Soto, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Pérez Romero, Gonzalo Navaza, Darío Xohán Cabana, Antonio Raúl de Toro Santos, Johanna Vocht, Marie-Line Heslon e eu mesmo. Escusaron a súa presenza Xulio López Valcárcel, de viaxe na feira do libro de Guadalajara, en México, e Francisco Pillado, tamén por un pequeno impedimento de saúde. O outono sempre fai estas falcatruadas.
A conferencia inaugural e os primeiros temas de debate foron servidos por Valentín Arias López, secretario da Asociación de Tradutores Galegos, tradutor de Camus, de Verne, de Rodari, de Saint-Exupéry entre moitos outros, premio nacional de tradución e lenda vivinte da nosa terra. Falou da súa experiencia desde o inicio da democracia e da autonomía galega, da importancia da tradución e da existencia de obras de autores estranxeiros verquidos ó galego como elemento esencial para crear e afondar na nosa tradición literaria.
A primeira comunicación, consagrada ó teatro, foi pronunciada por Miguel Pérez Romero, tradutor neste momento da obra teatral completa de Shakespeare ó galego, obra inxente e que suporá un fito na historia literaria galega. Fixo tamén un percorrido polo teatro traducido en galego desde o final do franquismo ata os nosos días, cunha exhaustiva enumeración das obras traducidas, postas en escena e non publicadas na súa maioría. Criticou despois o que el considera aberrantes adaptacións de autores estranxeiros, nos que o “adaptador” ousa introducir escenas enteiras de colleita propia, cambiar personaxes, trama e mesmo desenlace da peza de teatro seguindo motivacións pouco ou nada xustificadas. Por suposto, defendeu a liberdade das compañías á hora de adaptar calquera obra, amoldándoa a unha duración precisa e a un número de actores que moitas veces é reducido. Pero non comprendía os engadidos espurios, o cambio de sexo inxustificado dalgún personaxe e as fusións de dúas obras de distinta procedencia e época.
A narrativa foi o centro da comunicación do sábado á tarde, coa participación de Henrique Harguindey, histórico tradutor de Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais, Macbett de Ionesco, O estraño cabaleiro, de Michel de Ghelderode, Ubú rei, de Alfred Jarry, Exercicios de estilo de Raymond Queneau, Cándido de Voltaire, como mostras dunha enorme nómina de obras traducidas. Harguindey falou dos seus inicios na tradución teatral da man de Francisco Pillado e Manuel Lourenzo, da mesma maneira que Miguel Pérez Romero e da súa experiencia como tradutor de narrativa. Lamentou sobre todo a ausencia de crítica á tradución, que implica unha ausencia do recoñecemento do labor de tradutor cando realiza un bo traballo ou dunha reprimenda cando o traballo non é o desexado. Estas críticas que, segundo se dixo no debate posterior, aparecían nos xornais dos anos cincuenta do século pasado e en revistas de literatura nos anos oitenta, desapareceu completamente do universo crítico actual, no que sempre é tan interesante o contraste frutífero de puntos de vista diferentes para avanzar no pensamento e na acción.
Manuel Bragado Rodríguez, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, falou en termos matemáticos e estarreceunos a todos coa realidade que reflectían as súas cifras. Como non quero ser inexacto, prefiro remitirvos á publicación do Caderno de Mariñán que recollerá todas estas comunicacións así como traducións de diversos autores realizadas polos invitados, moitas delas inéditas. A cuestión é que a tradución galega supón o 19,7% da obra traducida publicada en galego e unha cantidade ínfima en termos de beneficios, de maneira que, sen as subvencións das distintas administracións públicas a edición destes traballos sería inviable. Estas cifras comparounas co 25% de obras traducidas ó catalán ou o case 30% das obras verquidas ó castelán, mentres que en Euskadi a tradución está á nosa altura, ou baixura, segundo se mire. Cómpre engadir que a meirande parte destas traducións corresponde á literatura infantil e xuvenil. Malia todo isto, ensalzou o labor da casa Rinoceronte, que supón un novo pulo no mundo editorial galego, e a aposta decidida de Galaxia pola tradución de obras recentes, ata o punto de chegar ó mercado en galego antes que en castelán.
A mañá do domingo estivo adicada á poesía. Miguel Anxo Fernán-Vello, poeta, tradutor e director da editorial Espiral Maior, defendeu a entidade da obra traducida, elevándoa ó mesmo rango artístico que a obra orixinal, argumentado con citas de José Martí ou de Octavio Paz. Como editor, falou de que, así como os autores que traducen teñen un estilo propio e buscan obras con certas semellanzas, cunha tesitura semellante por falar en termos de ópera, as editoriais terminan publicando un grupo de autores que tamén configuran o seu estilo. Este é o caso de Espiral Maior que, con máis de corenta autores estranxeiros publicados de relevancia universal e de todos os tempos, convírtese nunha referencia na tradución de poesía en Galicia.
Darío Xohán Cabana, tradutor da Divina Comedia e A Vida Nova de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, dunha Antoloxía do Dolce Stil Nuovo, medalla de ouro do concello de Florencia, anunciounos a aparición en breve dunha tradución de máis de trescentos poemas occitanos medievais e dunha selección de poemas cataláns de Ausiàs March. A súa comunicación estivo marcada pola necesidade dunha iniciativa institucional co obxectivo fundamental e urxente de realizar o verquido ó galego das obras fundamentais da literatura e do pensamento universal. Reclamou a dignidade dos tradutores, a súa remuneración digna e xusta, acorde ás horas de traballo empregadas neste labor. Afirmou que o obstáculo máis duro para un tradutor era a falta de profesionalización, que lle impide concentrarse na súa obra, sempre realizada en horas perdidas ou sacrificando o tempo que outros adican ó descanso.
Os debates foron moi animados e variados, con numerosas aportacións de todos os convidados, que sempre terminaban dirixíndose nun mesmo senso e que deron lugar ás conclusións. A primeira delas, suxerida por Xulián Maure é a necesidade de traducir obras non literarias ó galego, nomeadamente os ensaios clásicos do pensamento e da ciencia, como primeiro paso para unha normalización na tradución científica galega. Unha aportación moi importante foi xa realizada por Luís García Soto e Tareixa Roca ó traducir a Nova Enciclopedia de Bioética, publicada pola Universidade de Santiago de Compostela e que, segundo o pouco que sei, non conta con outra tradución en todo o estado español. Xunto con isto, sinalouse a grande importancia da presenza do galego nas novas tecnoloxías da información.
A segunda conclusión partía da desazón que causaba ver que as motivacións que movían a Valentín Arias López a traducir e as actuais seguen sendo as mesmas, de maneira que case nada cambiou en case trinta anos. Segue sendo un labor individual, froito da boa vontade de alguén que estima conveniente que tal ou tal autor existan en galego. Estimouse urxente a creación de estruturas que superen este individualismo e que vertebren o traballo dos tradutores e a importancia de que exista un catálogo actualizado e exhaustivo, quizais na rede, das obras que se están a traducir para evitar esforzos inútiles. É certo que se deron algúns pasos nesta dirección coa creación das asociacións de tradutores, pero non parece que fose suficiente.
Por último, e enlazando co anterior, chegouse a conclusión da necesidade dun Plan Nacional de Tradución, realizada desde a administración pública, coa presenza de tradutores recoñecidos e mesmo cunha comisión de avaliación que xulgue a obra realizada. Este é o primeiro paso cara á unha necesaria estruturación ata chegar á soñada pero non utópica nova escola de “tradutores de Toledo”, que realizaría o canon de obras imprescindibles da literatura, do pensamento e da ciencia universais. Isto, que xa se realizou en Cataluña, que colocaría a Galicia dunha vez por todas nos primeiros lugares do mundo literario peninsular.

Suso Pensado

[Con esta colaboración facemos sitio no escritorio para a pluma de Suso Pensado, a quen damos publicamente a benvida, un autor e tradutor que sen dúbida contribuirá a elevar o interese deste blogue. OLdM.]

Share

Comments are closed.