Poesia, Suso Pensado

Impresións do verán de Suso Pensado

Provenza, xullo

No verán pleno andamos ás escuras pola casa.
É tanto o calor, que ocultamos a luz
para sentir os derradeiros restos de frescura
cubertos con persianas e cortinas.
A escuridade cega.
Non sei onde están as paredes.
Non sei por onde camiñan os meus pés.
Xa non procuro referencias.
Camiño na profunda escuridade morna.
Os instintos esquecen a razón, que xa adormece,
para cruzar as portas invisibles.
Fóra, o sol abrasador podería matarnos.

Saint-Malo, agosto

Naquel verán cruel como un outono
a xente paseaba pola praia
que nacía dalgún mar feito de frio.
Algúns xogaban case espidos,
preparaban os barcos naquel día nacido para as velas,
apuntando no oeste,
estremecendo a auga case negra.
Outros durmían envoltos en chaquetas e toallas.
De súbito, empezou a chover.
Algúns correron para atopar abrigo.
Outros deixáronse empapar pola auga doce
que arrastraba o salitre do corpo.
A praia terminou abandonada,
cada vez máis escura baixo a chuvia.
Pero os barcos seguían entre o vento, navegando.
O mar seguía erizado de velas.

Baño matinal

Para Gaëlle

Erguíanse da area os troncos
case minerais, en formación cerrada,
como un bosque espantado por un mar
sempre presente.
As velas fluorescentes inflamaban a auga
con inconscientes brillos.
Era a marea viva que baixaba.
Eu ía atrás
perseguindo os reflexos do cuarzo, como ouro.
Cando mirei a praia,
tan lonxe estaba a area,
os troncos minerais,
que xa non tiven ansias de volver.

Miraxe

Polo camiño escuro
xurdían luces.
Eu cría que era o día
polo camiño escuro.

S. P.

Share
Standard