Galiza bilingüe e bisexual

Nestes días (ou mellor, meses ou anos) o debate sobre o bilingüísmo reconquista periodicamente o espazo dalgúns xornais. E o noso veciño (de bairro e de ideas) Xavier Alcalá é neste caso convertido en baluarte dun galeguismo básico, sensato, que non debería incomodar ninguén nunha sociedade democrática, máxime co que xa levamos andado politicamente desde que as unllas do autoritarismo nos permiten expresarnos sen mácula.

Todos defendemos xa conceptos como “sistema democrático” ou “tolerancia”, mais o propio sistema (e ben que sexa así) permite que cada quen os interprete ao seu xeito. A organización chamada Galicia bilingüe, por exemplo, entende que o bilingüísmo da Galiza é un ben antigo que, caracterizado por contribuír á harmonía da sociedade galega, debe ser conservado. Desta perspectiva, novas normas como as que recentemente se aproban para a introdución cuantitativa do galego no ensino poñen en perigo a liberdade dos cidadáns, amparada por un Estatuto que trata galego e castelán en termos de oficialidade. É esta unha postura completamente democrática? Non o creo, só defende o inmovilismo, defende unha distribución de usos lingüísticos que non quere ver alterada, é dicir, reacciona contra un movemento regaleguizador que desfruta agora dun poder político sorprendente.

Aquí é onde surxe unha reflexión sobre a actitude das xentes de Galicia bilingüe: son persoas que defenden a democracia, son persoas tolerantes as que aceptan as que son diferentes só cando estas non se cruzan no seu camiño? Supoño que moitos brancos racistas aceptarían deixar de selo se os poderes públicos lles asegurasen por lei que xamais terían un negro na súa presenza. Porén, as sociedades que interesan aos sensatos non poden ser trazadas con tiraliñas, nin ser deseñado o espazo social como un taboleiro de xadrez. Sociedade significa convivencia. Por iso digo que un verdadeiro demócrata non ten medo a que a sociedade mude cara a formas que nunca puido imaxinar. A sociedade somos todos mesturados no balbordo do día a día, e as direccións que se toman por acordo da maioría deben ser respectadas, aínda que non sexan os resultados preferidos dun cidadán.

Non, Galiza non é bilingüe, porque os países non falan. Como moito algúns dos seus habitantes poderán ter un dominio de dúas linguas comparábel ao dominio das dúas mans que temos os que non somos mancos. Hai persoas ambidestras, mais a maioría usamos con ben máis pericia unha que outra. E no uso das linguas, como no das extremidades, usamos máis polo común aquela que nos ofrece máis precisión, así no mental como no manual.

Por outra parte, non ten sentido promover o bilingüísmo por unha suposta “decencia” democrática, do mesmo modo que non defendemos a bisexualidade como necesaria plasmación da igualdade dos sexos. Os usos lingüísticos dependen da utilidade das linguas recoñecida polo cidadán, tanto no día a día canto á hora do voto. E postos a dicilo todo, este país tamén é dos mudos.

A. F.

Share

8 comments to Galiza bilingüe e bisexual

  • Grazas polos cánidos e libertarios parabéns. O argumento é ese, desde logo: se nos erguemos sobre terras non pisadas estes han querer pornos valados, mais o público debe deixar de ser xerido como se fose privado. As novas necesidades que criemos para o galego han de ocupar novos espazos, iso é algo que ninguén poderá evitar.

  • Persoalmente eu teño a convicción de que esta xente queren reducir ós galego-falantes á categoría de frikis, ou como demo se diga. Así resultaría ben doado meternos no mesmo caixerolo que os adictos ós chats de internet, os fanáticos do tunning ou os adoradores da música makina, por poñer uns exempliños de maníacos con sinxelo tratamento: argallar para eles (é dicir, para nós) unhas “reservas” como as dos indios navallos, onde poidamos pervivir como mera anécdota ou simpático folclorismo estéril e inofensivo, sen mancar nen molestar a ninguén…

    Eso sí, para eso fai falla que nos deixemos.

    Parabéns polo blogue, éche ben feituquiño.

  • Efectivamente, amigo Alcalá, a tolerancia non consiste en soportar o que non aguantas, así á forza, mais moito menos consiste en soportar aquilo que non te toca nin te pode alterar. Tolerar, no sentido positivo para min, é aceptar o distinto que non fomos capaces de concebir, o que vive xa á nosa beira e inevitabelmente nos fará mudar a vida. Cos únicos limites, claro está, do respecto polas liberdades individuais.
    Concebir o diferente nas proximidades da casa deixando de sentir estrañeza, un proceso que só os autoritarios non poden tolerar.

  • “Moi agradecido, Alfredo, pola mención. O problema de Galicia non é de bilingüismo senón de diglosia, de diglossia tremens. Hoxe foi para min un día longo e duro, que pasou por un enterro en cemiterio rural.
    Dous detalles de cando a xente non anda a brincar, porque coa morte non se brinca:
    Nas lápidas -todas en castelán- había unha chea de apelidos castelanizados (Montero, Otero, Del Río e Dorrio -ambos procedentes de Do Río-…)
    O crego dirixiuse aos acompañantes do defunto en claro castrapo (“Falando no nombre de Dios”, etc.), leu dun manual de enterros algunhas frases en correcto galego e, para que non ficasen dúbidas, rezou o Padrenuestro en castelán con profundo acento galego.
    Diglossia tremens, e eses nachos da Galicia Bilingüe a se pasearen en bus polo Pailanistán pedindo sinaturas para acabaren cos restos da que foi lingua lírica fundamental.
    Supoño que han recibir fondos de quen tamén os doa para a campaña política do suxeito supostamente pontevedrés que non dá saído do armario lingüístico.
    Sería bo que a moza esa, a Lago, e os que ela preside, se atrevesen a saír tamén do armario das trebas en que agachan a súa intención final, liquidadora…
    En fin, seguiremos a falar deste fenómeno; mais que non pensen os tales bilingüistas que os que andamos mundo e vivimos situacións coma as do Quebec ou de Flandres imos engulir o engado que eles lanzan: na teoría da información, seica o importante non é o coñecemento senón a sabedoría: a suma do coñecemento e a experiencia.
    Algún clásico da lingua que eles adoran dixo que “Andar caminos y conocer gentes hace a los hombres discretos”. A eles fícanlles moitos camiños por percorrer.”