Sobre a triloxía

A noite acesa de Xavier Alcalá

“Eu cando vexo isto digo:
canto amor e canto odio”
M. Molares (testemuña)

Xavier Alcalá na súa casa da Coruña - Fot. de Alfredo FerreiroA finais dos 90 don Manuel Molares Porto, ancián da igrexa de Ares, contactaba con Xavier Alcalá para comunicarlle o interese da comunidade evanxélica en publicar a heroica xesta que viña de protagonizar no século XX. Procuraban un rapsoda inspirado que elevase o seu pasado recente a rango de arte, para facilitar deste modo a lembranza e a reflexión sobre os esforzos tamaños que só pola fe inquebrantábel no Amor tiña logrado realizar a comunidade. Os acontecementos do pasado, convertidos en literatura, pasarían de ser reais a seren verdadeiros. Porque a Verdade, inapreensíbel racionalmente dos infinitos puntos de vista que a completan, só pode ser mostrada integralmente da perspectiva artística.

Deste modo naceu “Evanxélica memoria”, a triloxía que integra as novelas Entre fronteiras, Nas catacumbas e Unha falsa luz. A dura represión sufrida por unha personaxe principal vertebra a creación dun mundo literario riquísimo en matices universais. Resultan eficientemente tratados todos os aspectos humanos que xorden incontestábeis en situacións vitais extremas: a explosión do levantamento militar do 36, as descricións da guerra no frente e a batalla cotidiana nas vilas tomadas pola senrazón fundamentalista dos novos poderes. Isto descríbese, ademais, tanto no nivel microsocial da vida vilega canto no nivel macropolítico do “nacional” e do internacional.

En opinión de Xavier Queipo esta narración está caracterizada pola excentricidade. Con efecto, está desenvolvida dun punto de vista, o dos evanxélicos, que implica unha rotunda posición de periferia social. Os crentes evanxélicos son de certo modo para os franquistas os xudeus que o nazismo masacrou aparentemente por razóns relixiosas. Porén, a razón fundamental nos dous casos debeu ser a independencia ideolóxica que mostraban, e que impedía que se comprometesen coas novas regras político-relixiosas impostas. Resulta evidente que os evanxélicos, por moi apolíticos que se mostraren, non podían comungar co status quo, tanto no senso real canto no figurado. É esta independencia irrenunciábel, nacida dunha vida espiritual que promove a relación directa do crente coa divindade, sen mediación de intérpretes autorizados, a que provocou que as actitudes evanxélicas fosen interpretadas polo maniqueísmo integrista como unha rebeldía intolerábel.

É a triloxía “Evanxélica memoria” unha narración relixiosa? Si. Política? Tamén. Apolítica? Evidentemente. Documentación da Evanxélica memoria - Fot. de Alfredo FerreiroAtea? É claro. Todo isto e moito máis, e non só porque as personaxes nos presenten un mosaico vivencial desde inúmeros puntos de vista, senón porque a mestría do escritor logra que a el mesmo, no relativo á intentio auctoris, o radiquemos nun punto equidistante respecto desa diversidade ideolóxica. Logra deste modo un efecto que só as grandes plumas teñen ao alcance: resaltar através do discurso unha profunda reflexión sobre o humano. Algo que a literatura simplemente comercial non atinxe mediante a descrición groseira de catástrofes e vexacións, co único propósito de impactarnos na distancia curta.

Alcalá revélase comprometido coa verosemellanza na construción das personaxes, sen eludir nunca a función encomendada de rapsoda. Aquí é onde mostra respecto polo histórico, que funciona como apoio dunha ficción desenvolvida con sinxeleza e pulimento, sen costuras á vista e superposta a unha frondosa ramificación de datos reais, froito da investigación rigorosa. Canto ao estilo, preséntase rico en vocábulos e estruturas sintácticas, cunha versatilidade que sen dúbida o converte nun dos referentes actuais da mellor lingua literaria.

No plano estritamente divulgativo, non queremos esquecer o interese da nova web do autor (http://xavieralcala.org), un espazo con información sobre a obra literaria que inclúe unha novidade sorprendente: un making of sobre a triloxía con datos sobre as fontes (testemuñas, documentos) e o proceso creativo persoal.

A. F.

Nota: Esta crítica foi publicada en Protexta 05 (inverno ’07/08).

Share

5 comments to Sobre a triloxía “Evanxélica memoria”, de Xavier Alcalá