Parabéns para Susana Sánchez!

XXI Premio nacional de poes�a Xosemar�a Pérez ParalléComo anunciaba no post precedente, onte viaxei a Fene en compañía do poeta Eduardo Estévez. O que non quixen dicir na altura foi que pretendía participar na reunión do xuri que determinou a gañadora do XXI Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Ás sete e media reunímonos, albergados pola directiva do C.M.I. Unidade de Fene, os xurados desta edición: Valentina Carro, gañadora da anterior edición, o amigo Rafa Vilar (que para algúns continúa a ser ‘Villar’) e máis eu. Sentamos, fornecemos as nosas propostas e reflectimos sobre a experiencia da lectura dos poemarios enviados. Non discutimos nada, pois un poemario resaltou nas mans dos tres membros do xuri ao mesmo tempo: era o libro enviado por Susana Sánchez, autora do blogue dedoscomovermes. Non tivemos dúbidas, eran os mellores poemas e, para a fortuna da boa poesía, a normativa do galego empregada non foi para ningún xurado un factor relevante. E o xuri é, conforme ás bases do premio, quen ten a potestade de as interpretar. Parabenizo por isto este xuri, así como os organizadores do premio.

Mais se todo o relatado acima foi satisfactorio, non menos agradábel foi participar no Obradoiro literario do Concello de Fene, comandado por Eduardo Estévez. Alí as participantes puxeron as súas creacións enriba da mesa para valoración común, nun ambiente de camaradaxe en que, sen faltar a sinceridade, as virtudes e os defectos dos textos eran resaltados para ilustración dos presentes. Neste contexto realizamos “cadáveres exquisitos” e outros exercicios poéticos como o que a seguir describo: despois de ter proposto unha palabra cada un de nós, o coordinador do experimento ordenou que nos puxésemos a escribir de modo automático e sen cesar, só freados para atender as palabras que nos ditaba a cada minuto (as previamente propostas por nós) e que debiamos con inmediatez incorporar ao discurso literario improvisado. As palabras desta sesión foron: elevar, laparoscopia, corrompida, espertar, saber, agora, rosmóns, rapaz. O texto que logrei facer foi o seguinte, no gozo relembrado dos experimentos poéticos nas noites herculinas dos noventa:

Como elevar o corpo
sobre o chumbo etéreo da tristeza?
Como elevarnos sobre o mar
abafante da melancolía?
Como elevar o espírito
ante a inminente
laparoscopia da alma?
Veñen os doutores agora
acariñar a triste corrompida,
escrava do noso corpo.
En silencio espertan ao delirio
os paxaros do outono,
sen saber que diminutas almas
florecen nas caves do pasado.
Agora, si, agora
ladremos como aqueles
aristocráticos rosmóns contra o destino.
Nada queremos dado.
Todo será tomado
polo espírito daquel rapaz
felizmente maleducado.

Alfredo Ferreiro

Share

4 comments to Parabéns para Susana Sánchez!