No recital de Xavier Seoane e Manuel Rivas

Foto: César Morán, Xulio Valcárcel, Miguel A. Fernán Vello e Xavier Seoane.

O local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda estaba cheo, e iso incluía o chan e o corredor até o fondo. O acto comezou cunhas palabras que en nome dos alexandrinos proferiu Miguel Mato Fondo, en actitude de emotiva rememoración da Coruña dos 80. Logo falou o crítico da mesa, César Morán, quen nos  deseñou o percurso poético dos dous autores e mostrou algunhas das súas primeiras publicacións; entre elas o caderno rústico Anisia e outras sombras, feito a dúas mans, e os primeiros números da inesquecíbel Luzes de Galiza.

Cando Lino Braxe apagou as luces e na mesa prenderon un faroliño pequeno, o recital comezou e os meus recursos técnicos reveláronse estrondosamente improcedentes para deixar testemuño audiovisual do evento (aquí desculparán que non ofreza do mesmo máis do que esta foto). Gustaría de  poder  ofrecer unha mostra do ambiente case gótico que unha tenue luz propagaba polas faces dos poetas proxectándose até os altos teitos dun andar que tería por volta dos cen anos. Só a luz da rúa dos Olmos, iluminando através de tres esveltas xanelas, evitaba que nos sentísemos ás escuras cando Xavier Seoane comezou a recitar. Comezou polo principio, os poemas de finais de 70 e terminou no libro que actualmente se está a distribuír nas librarías, Do ventre da cóbrega, sempre co seu ton de trascendencia e fondo sentimento. Logo leu os seus Manuel Rivas, desde aqueles máis densos até eses outros máis narrativos e de efeito final con pica-pica, pasando por outros que semellaban pequenos excertos de poesía cinematográfica.

Mais o recital permitiu reflexións para alén do facto poético concreto. Houbo quen preguntou que podían facer os poetas perante a inxustiza mundial, e tamén quen lles preguntou se eles mesmos acreditaban en espíritos. Non podía ser menos, estando como estamos en crise e xa entrados na Era de Acuario. Mais a crise de que falou Seoane foi a que me sorprendeu, até porque falou de auténtica crise moral nestes tempos. Argüíu o meu exprofesor que en 70 e 80, cando el entendía que o seu nivel de vida melloraba nesta periferia da periferia que é Galiza, os tempos de Reagan e Thatcher iniciaban un retroceso de benestar social que só nestes últimos tempos se fixo aquí evidente. E isto dá lugar a unha quebra moral enorme, cando se recoñece como docente a recomendar aos alunos que se esforcen por atinxir títulos cando xa nada asegura un traballo digno. Está convencido de que as novas xeracións van ter que saír á rúa a defender cada día liberdades que nas xeracións anteriores se creron xa consolidadas, e que a necesidade fará que nos tempos difíciles se xeren movementos reactivos contra a represión e a caída do nivel de vida. Foi un discurso moi crítico coa situación actual, que a moitos debera facer reflexionar antes de que nos vexamos lamentando o espazo libre perdido.

O resultado foi para min un recital sentido, elevado e entrañábel ao tempo, que me fixo revalorizar os tempos en que eu me esforzaba coas mesmas actitudes que aquela tarde eles rememoraban. As necesidades dos poetas semellan ser sempre as mesmas, ao menos no inicio daquilo que debe considerarse unha auténtica vocación.

A. F.

Share

Comments are closed.