“A illa de Hai Nan”, por Catherine François

Caminos bajo el agua, de Catherine François«― […] Por que razón te enviaron a esta lonxincua illa habitada por indíxenas que preferirían gobernarse a si mesmos?
― En recoñecemento aos servizos prestados! Tras a morte da Emperatriz, o xoven Emperador voltou emprender a política do seu pai, que considera máis adecuada, e os funcionarios máis apreciados do réxime anterior foron desterrados.
― Como é a vida aquí?
― Todo moi sinxelo. Cómese sen carne, hai doenzas mais non hai remedios, mórase sen casa, paséase sen amigos, pásase o inverno sen carbón e o verao sen auga fresca. En resumo, non hai nada, nen sequera malaria.
― Mais ti tes unha casa.
― Estiven a punto de prenderlle lume cando queimaba resina para fabricar tinta. É a cuarta que constrúo coas miñas propias maos, e supoño que será tan efémera como as anteriores.
― As casas non son como os templos, non son feitas para durar. Unha casa morre cada vez que a abandonas. E logo… non che faltará o viño!
― Fabriqueino como puiden. Próbao!
― É raro. Ten o peso da terra, a cor das nubes do poente, é espeso como a seiva nova e o seu perfume lembra a cortiza de canela.
― É o último que fabriquei, en Hui Zhou, con fariña de trigo e arroz, era excelente. Bauticeino como Viño da Unidade Divina. Como non quería andar coa receita, graveina nunha pedra que depositei no monte Lu Fu.
― Esta illa selvaxe semella moi distinta de todo o que coñecín até agora.
― Deamos un paseo. Guiaranos o meu can, Fociño Negro, que naceu aquí.
― Esta terra é aínda virxe. Respira sen esforzo, espreguízase e adormece con toda liberdade. Non se precisa dos espellos da imaxinación para ver os Espíritos que a habitan.
― De que espíritos se trata, Wu Fu Ku?
― Baixo a auga está a Imaxe Fuxitiva, sobre o outeiro o Espírito Frondoso, no campo sen cultivar mora o Espírito Vacilante, na chaira o Espírito Serpentino.
― Xa sabía que ti eras capaz de ouvir cos ollos e ver cos ouvidos.
― Só sei ouvir sen ouvidos e ver sen ollos! Dime, como é a xente de aquí?
― É xente sinxela e sincera. Teño moitos amigos que me axudaron a construír a miña casa. Cando me ven camiñar polo campo a grandes pasos e recitar os meus versos en voz alta, os nenos aplauden a rir e a berrar: “O tolo!” Ves aquela muller que corta leña? É unha vella amiga, chámoa Soño de Primavera.
― Por que?
― O día que cheguei cruzouse no meu camiño e, a modo de saúdo, díxome: “Ti fuches antano un alto funcionario da corte. Non che parece agora que todo foi un soño de primavera?” Regaleille un dos meus deseños, que representaba a súa casa e o seu xardín. Como eu tiña acrecentado unha árbore acarón da súa porta, decidiu plantar unha nese mesmo lugar. Era algo que se tiña convertido en imprescindíbel para ela, segundo dixo.
― Que ficará deste teu soño mañá, cando estexas lonxe de aquí?
― Lembrareime de Fociño Negro, que se nega a cruzar a ponte e atravesa a nado o río.
― O teu irmán deume unha mensaxe da corte, que levo gardado como unha pedra preciosa envolvida no meu pano. Son horas de abrilo. Todos os exiliados foron perdoados. Ordenan que voltes a Lian Zhou, no continente.
― Debo alegrarme? Debo lamentarme? Que importancia ten gañar ou perder? A vida é unha liña feita de puntos. Cada grao é unha semente que xermola cando xa se daba por abandonada. Deixo este soño para entrar noutro. Levarei o can. Obsérvame cos ollos confiados dunha noite morna. Dime, Fociño Negro, cando terminará todo isto?»

Este é un trecho do capítulo tilulado “A illa de Hai Nan”, da obra Camiños baixo a auga de Catherine François, traducido por nós para a ocasión. En breve publicaremos unha entrevista coa autora.

Share

1 comment to “A illa de Hai Nan”, por Catherine François