Sobre literatura, crítica e falsedade

Manuel Vidal Villaverde: «[…] E proseguindo, hai quen mantén que a literatura galega está a vivir unha época de esplendor como nunca houbo na súa historia, outros e outras din que non é para tanto. Que opinas ti, xa que logo, desta cuestión?

Olivia Rodríguez: Que vive un momento vizoso ninguén o pode negar. As literaturas non chegan ao seu esplendor polo azar que faga xurdir un xenio de cando en vez, senón porque as impulsan as sociedades que as producen. O sistema literario galego consolídase engordiño, o que quere dicir que hai industria editorial competitiva, apoiada por políticas culturais necesarias para poder convivir coa xigante industria española do libro. Hai unha maior complexidade e heteroxeneidade nos creadores, coa conseguinte vida literaria de discusión e debate,… Só queda afortalar o sector dos lectores, a través dunha boa distribución do libro e dunha crítica que se faga oír.

[…]

MVV: A crítica en Galicia é xusta, reflexiva, ou está instalada no reino da mediocridade?

OR: A isto podo contestar amosando feitos: formei parte do grupo que fundou en 2007 a primeira asociación de crítica literaria galega, que utiliza a plataforma da AELG, con autonomía total con respecto aos autores que a integran. Atopámonos un grupo de xente con actividades moi variadas arredor da análise e a crítica literaria Hai persoas de longa traxectoria xunto cos máis novos, admirables pola sua formación e obxectividade. Que exista un sector de máis de corenta críticos asociados en Galicia indica que algo está a pasar: falamos de autonomía e recoñecemento dunha actividade profesional moi poucas veces remunerada, para a que non todo o mundo está preparado. Non existe literatura potente sen crítica consolidada.

[…]

MVV: Concordas que a chamada “lírica medieval galego-portuguesa”, en realidade debería denominarse “lírica medieval galega?

OR: Existindo Don Dinís, non podo fuxir da primeira denominación. O que xa non me parece coherente é que se explique o comezo da literatura castelá coas kharxas e as cantigas, sen mencionar sequera que pola lingua son alleas a esta literatura castelá de aparición serodia. Aos meus estudantes teño que desmontarlles a historia da literatura española que traen adherida, na que esta poesía, como logo a do americano Rubén Darío, actúa como parche de momentos castelás estériles. Aínda na escola perviven os vicios herdados da Filoloxía española fundada por Ramón Menéndez Pidal. E non engado a posibilidade última de que o Poema de Mío Cid sexa de autoría árabe. Sería unha boa lección de humildade para esa historiografía caloteira.

MVV: Das glosas emilianienses a escola filolóxica española trampeu o chamado nacemento do castelán, dun xeito apodíctico, pero todo apunta a que non é verdade… Cal é a túa resposta?

OR: Non estou ao día dos avances de interpretación sobre este tema que o PP no poder utilizou para organizar un rito nacional. Sei que o rapaciño que escribiu o que hoxe coñecemos como glosas de San Millán de la Cogolla era un monxe que apuntaba á beira de palabras latinas que non entendía, a súa tradución nas linguas que el coñecía, que eran o vello vasco e o primitivo castelán. Nin imaxinaba o rapaz a que ía armarse mil anos despois, cando eses trazos que deixou no pergamiño sobreviviron á destrución do tempo. Se quedamos coa súa lectura de símbolo da antigüidade do castelán, por que non crear en Galicia un símbolo semellante? Contra o rito, outro rito. Porén, eu prefiro quedar coa lección de multilingüismo e cruce de culturas que nos transmite. […]» (Ler a entrevista completa en Galicia-Hoxe)

Share

Comments are closed.