Alfredo Ferreiro, Críticas e referências, Poesia

Cultivos transxénicos, de Carlos Negro

Cultivos transxénicos, de Carlos NegroÚlcera textual

As análises constatan a evidencia dos feitos:
escribo desde os restos dunha cosmovisión agraria.

Por iso o texto me contaxia de materia orgánica,
levanta acta de palabras encistadas nas entrañas.

Mais o poema non quere ser arqueoloxía saudosa,
tampouco pretende unha semántica da melancolía.

Trátase, máis ben, de acotar os perímetros da ausencia,
de indicar o punto exacto onde a perda gangrena a memoria.

-Xusto nos íntimos tecidos onde avanza a necrose,
nos territorios infectados pola desposesión-

Cito: lévedo coallo bosta zorza farelo trigo
(palabras que portan un virus retroactivo)

Diagnóstico: unha úlcera textual que me desangra.

♦◊♦

O poema presentado pertence a outro dos poemarios que concorren aos Premios AELG no presente ano. Con voz alta denuncia o autor o esmorecemento dunha forma de vida que sostén unha perspectiva vital abandonada, esquecida no mar dunha modernidade de cimento urbano e aldeas de catálogo. Sabemos ben do que fala Carlos Negro os da miña xeración, aqueles que se criaron con vellos cavernícolas e agora se preguntan, ao ollar para os fillos, se non é unha perda enorme que eles non aprendan algo daquela implícita filosofía. Cavernícolas, dixen? Pois pouco mentín: eu coñecín xente da miña familia que se criou defecando na corte e na horta, alumados no inverno pola luz do candil de carburo; xente que escasamente podía ambicionar máis do que caldo cada día; xente que fixo a súa casa do que antes fora unha xesteira; xente que chegou á modernidade á luz dun par de lámpadas de 40. Xente que vivía como na Idade Media, se cadra unha miga máis confortabelmente do que na época das cavernas.

Non digo que vivisen peor, contodo, aquelas persoas. O mundo do rural, se antes era escaseza, agora é queixa. A da dor que nace nas xentes que aproveitaron con esperanza os avances técnicos dos últimos trinta anos e agora posúen un negocio imposíbel. Un negocio ruinoso, o que antes era unha forma de vida.

Algo moi valioso atopei sempre no ambiente da aldea. Representa para min unha lembranza fértil das esencias da vida humana, un lugar en que como en ningún podo respirar fondamente e sentir como con ese xesto primitivo me alimenta. Matar para comer, sachar para comer, axudar os viciños, correr como un tolo entre a xente na noite da festa, ou afastarse dela baixo o ceo estrelado ouvindo a orquestra ao fundo mentres un presa insolente de nervos non che permite coller da man a rapariga que te acompaña. Estou na última oportunidade de ofrecer algo desta maxia aos meus fillos e pódolles asegurar que a estou a aproveitar.

Share
Standard