Sobre os “enfoques teóricos da crítica literaria”

Recomendo que lean enteiro o suculento artigo de Óscar Iglesias sobre as perspectivas actuais de traballo da crítica literaria. Aquí presento uns trechos significativos:

«[…] A Arturo Casas, que traballa no marco empírico-sistémico coas aportacións da hermenéutica, resúltalle sorprendente “escoitar escritores de prestixio sinalar que eles non pertencen ao sistema literario, como se iso fose como darse de alta nunha cátedra de mus”. Para Casas, o “bo nivel” da crítica ten o lastre dos refugallos do estruturalismo, pero “existe unha vangarda con escasa repercusión social que se liberou desa condición”.
[…] Non son a benevolencia do discurso de normalización cultural, nin a escasa visibilidade do libro galego, di Vilavedra, as pexas de inicio no labor do crítico: “O condicionante principal é o tamaño. Nun país pequeno sempre se acaba toupando coa Igrexa”. Por parte, opina que a función da crítica xornalística “non é separar o gran da palla, senón informar, orientar, avisar e estimular”.
[…] Manuel Outeiriño: “A respecto da crítica xornalística, “historicamente crucial”, avisa de que a súa desaparición “impregnaría os xornais de propaganda”.
[…] González Gómez, residente en Barcelona, afirma que a crítica universitaria está “retrasada con respecto ao seu tempo, porque os mortos non responden”. E apón responsabilidades compartidas á hora de facer canon e distinguir entre risco e éxito: “Eu critiquei Crime en Compostela porque me pareceu infame. Acéptao todo, pero xerarquiza”.
[…] Desde a AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias desbota as suspicacias xeradas este ano por unha suposta proximidade entre escritores e críticos: “Os críticos con obra finalista, evidentemente, abstéñense de votar… A relación entre a AELG e a sección de crítica é totalmente funcional, como en Cataluña”.
“Hai tanta proximidade entre escritores e críticos como entre xornalistas e escritores ou editores e axentes ou libreiros e distribuidores”, resume María do Cebreiro. […]»

Eu, como Casas, lembro que fiquei abraiado cando lin unha escritora no Protexta rexeitando o seu vínculo co sistema literario. Na altura sospeitei que no sabía ben de que concepto lle falaban, e que ante a dúbida entendeu que era máis positivo para ela mostrarse como unha escritora antisistema. Canto ao Protexta, é un proxecto inusual e louvábel por lle dar tanta preponderancia ao libro acarón dos seus autores, incluíndo crítica variada e reflexións sobre contidos e formas literarios.

Sobre a benevolencia da crítica hai escasas excepcións que confirman a regra. Salvo cando me equivoco eu non son unha delas. Por que? Porque fago poucas e fago case sempre as que me apetecen, e nestas sempre observo algo ou moito de positivo que merece ser resaltado como éxito. Porque sei ben o que custa escribir algo decente, e poucas veces sae da miña propia man.

Estimo que no sistema non desfrutamos de claras diferenciacións entre “literatura de éxito” e “literatura de risco”. Entendo que na actualidade unha obra ben escrita desde varios puntos de vista non é tan fácil de atopar, e cando aparece atopa sitio na maioría dos casos. Noutros, logros parciais na feitura ocupan postos inmerecidos por ausencia de propostas mellores. Son os limites da nosa capacidade produtiva, e as necesidades mínimas da nosa produción editorial. Con menos, talvez non exista sistema literario galego digno de ser defendíbel. Eu entendo que os que peor escribimos tratamos de mellorar, e que os que critican por sistema os erros dos autores debían aprender a escribir. Ou a facer críticas benévolas: xa de ser parásitos dos esforzos dos máis polo menos que traballen sen envenenar os pozos.

O mercado editorial condiciona o criterio dos críticos no sentido en que precisa da súa benevolencia para vender os produtos. Mais a falta de retribucións e a posición non profesional da maioría dos críticos permite, ao tempo, o maior grado de independencia posíbel. De calquera modo, a independencia dun crítico non se mostra en ser atrevido ou comedido, senón en poder demostrar que posúe un criterio propio ben fundamentado desde o que realiza o traballo, e que é susceptíbel de tornarse un referente para o lector.

No relativo á sección de crítica da AELG, xa teño afirmado que todo o que presenciei desde a súa constitución foron atitudes de procedementos pulcros e dignos de admiración. Nada do que vin e no que participei acontecei fóra dunha vontade clara de actuar dignamente en favor da divulgación das mellores obras literarias do ano, con pena mesmo daquelas que por necesidade ficaban fóra dos galardóns merecendo unha louvanza das súas virtudes literarias.

Share

7 comments to Sobre os “enfoques teóricos da crítica literaria”

  • Levita

    Pois agardemos esas sorpresas, pero mentres algo haberá que ir facendo na direccións das sorpresas.
    Moi interesante a apelación as necesidades básicas. De feito están a refacer os discursos éticos e políticos.

  • Na Universidade, aínda que eu non me teña prodigado tanto como vostede, cheguei a entregar por volta de 13 anos, contando licenciatura, cursos de doutoramento, tesiña e inconclusa tese en Teoría da literatura. Ora, si me chegou o tempo para descubrir que o habitual naqueles tempos era que mandase o que menos creatividade (=intelixencia, neste caso) tiña, e que o que mellor había de ensinar en situación máis precaria ou sombría se achaba.
    Escollín, por certo, como director de tese a un home xenial, que viña cuns estraños louros de Canadá: un experto en Teatro galego-portugués medieval, é dicir, as coñecidas cantigas de amor, amigo e escarnio. Nunca tanta opacidade vin a unhas ideas brillantes e atraentes como as súas, e nunca tanto me abriron os ollos á maravillosa riqueza humana da literatura. Chegado o momento perdeu a cátedra de Teoría perante unha mente vulgar para a literatura mais hábil para a política interdepartamental. Así que xa ve como sen saír da aldea puiden coñecer a complexidade enerxética do universo.
    Canto á necesaria axuda institucional para a literatura galega, unhas me van e outras me veñen. Por un lado, como xestor cultural traballo para clientes que precisan das axudas institucionais para funcionar, polo que non podo ir contra esta organización dos apoios a día de hoxe; no entanto, nunha perpectiva máis ampla, son da idea que a cultura galega, como todas, terá que facerse necesaria socialmente. Neste sentido, creo que, por moi mal que parezan as cousas, se cadra nos próximos tempos levamos unha sorpresa positiva. Estimo que a identidade galega acabará por ser necesaria para o resurxir xeral do país, o que probabelmente non acontecerá como somos capaces agora de imaxinar. Todo muda moi rápido, mais as necesidades básicas son sempre as mesmas e reclaman sen pausa a súa satisfacción.
    Relativamente á nova narrativa, non teño coñecemento abondo para darlle unha opinión fundamentada.

  • levita

    E agora deixolle un pregunta a vostede señor Ferreiro.
    Que opina da afirmación de Taibo:
    ” é imposible establecer correntes a partir da nova narrativa.”
    ?

  • levita

    Caramba Ferreiro ponme en situación de interrogatorio, sen que teña vostede contestado argumentadamente a ningúnha das miñas afirmacións. Todo un rasgo de galeguidade. Tentarei respostarlle dende a miña parcialidade, subxectividade e cunha ponderada pretensión de obxectividade.
    Coñezo sesgadamente a universade galega, catalana, norteamerican e alemana e fago esa afirmación dende este coñecemento. A distancia é moita con calquera destas universidades, e non precisamente a favor da galega. A endogámia haina en todas, só que na galega é mais frecuente e especialmente grave devido a baixa preparación dos beneficiarios. En calquera das univesidades que menciono universidades hai persoas cunha alta formación, que crean ao seu arredor unha escola, cousa inimaxinabel por aquí, e comunican o estusiasmo do saber e o estudo. Creame que non atopei tal cousa polos nosos lares universitarios, onde o que mais abonda é o aburrrimento e unha autocomplacencia ridicula. Conviria traer profesores de fora, pero non de paso, senón cunha estabilidade,e ser mais obxectivos na elección de alumnos que vaian a estudar fora para que traian o entusiasmo que por aquí desapareceu, se é que algunha vez o houbo. A Universidad Ferreiro (non a galega)é hoxe un refuxio para os estudiosos da literatura, xa que fora dela, pouco hai, as relacións e comuncacións de ideas realizase hoxe por todo o mundo mediante os diversos foros universitarios.
    Na galiza hai moitos autores desconectados, é certo, tamén é certo que os hai moi enterados. Un poder politico galego permitiría a amplicación dunha política cultural que os puxese en contacto entre eles, e con autores de todo o muno, proveendoos dos medios, e facilitando a comunicación de ideas e experiencias. Non dubido do ben que lle sentaría a potencialidade da nosa literatura unha boa política cultural, proxectándonos tamén no mundo e introxectando unha mellor imaxes exterior, que melloraría a nosa propria identidade.
    O camiño Ferreiro é a formación, sen a entrega, sen a gratuidade, sen gasto, sen o exceso e dispendio non hai cultura senón burocracia. A bildung, o entusiasmo insita na bildung é a clave, a bildung é o que hai que impulsar e non o corporativismo nin o funcionariado.
    A influencia no Sistema Literario Español doutros sistemas é o normal, o problema do galego é que está mediatizado polo español, non influido, , a mediación económica, social, e política non se detén no cultural obviamente.
    Esto condiciona mesmo a nosa percepción no ámbito internacional. Un exemplo recente pode ser a tese de Craig Patterson sobre Otero.
    Respecto aos argumentos xustificadores dos últimos premios deixolle a súa exposición a vostede xa que supoño que os coñece dun xeito mais directo que o meu segundo oido.

  • Levita:
    Cre que o sistema literario español é independente doutro sistema literario occidental sostido polas grandes multinacionais do libro que están a marcar os camiños do best-seller?

    Cre que a Universidade galega é máis endogámica e devoradora de alunos que a do resto do Estado? Pensa que o sistema universitario é crucial para alimentar na boa dirección os estudos literarios?

    Cre que os autores galegos están máis desconectados que outros da realidade literaria mundial?

    A fertilidade do sistema literario galego depende directamente das actuacións do poder político? Non sería isto recoñecer que a creatividade dos escritores é sostida artificialmente polos gobernos?

    Cal é o camiño que facilita un sistema que forneza “discriminacións xustificadas, a luz das ultimas aportacións tidas por validas, na comunidade dos estudosos mais prestixiados internacionalmente”?

    Como facer que as obras dos autores válidos e non recoñecidos sexan debidamente divulgadas?

    Que argumentos non teñen consistencia nos Premios que cita e cales si a terían? Argumente, por favor.

  • Levita

    Pido disculpas pola atropelada redacción do post anterior e firmo, do xeito adecuado, co apelido, coma sempre.

  • miguel

    O sistema identítifaxe ao marcar un dento e un fora. Unha marca externa capaz de contemplar o sistema. Dentro estúdanse as funcións que parten dun contexto e que tenden a formalizarse abstractamente nunhas relacións. O sistema implica a capacidade de discriminación. Se o sistema discrimina coas categorías resultantes das relacións doutro sistema, estaríamos non ante un sistema senón ante un subsistema. O SLG, adoece da suficiente autoreflexión para estabelecerce como sistema autoconciente debido a unha Universidade endogámica que se alimenta dos seus propios alumnos, o que dificulta a incorporación do xeito mais xenuino das ultimas aportación aos estudos literarios, e a necesaria profundización nos seus campos, tamen, influe a deficiente conexión dos seus autores co que se está a producir no mundo; unha literatura pequena como a galega, sen un poder político que a potencie, apenas é recoñecida, o que implica un certo solapamento. Hai outros factores, que dificultan a súa constitución como verdadeiro sistema, de feito en moitas facetas o comportamento é de subsistema, apreciable por exemplo, en repetir miméticamente os criterios de discriminación de outros sistemas proximos, como o español. Esta tendencia a imitación leva a fantasear a diferentes elementos do sistema, como os editores, empeñados en perseguir best-sellers en Galicia, cando o noso lectorado polas súas peculiaridades non ten os requisitos para ese tipo de producto editorial. Ou mesmo a creación artificial e potenciación de subxeneros, que permañecen extraños e sen deglutir. O SLG, será un verdadeiro sistema cando teña elementos intelectuais suficientemente consistentes como para facer discriminacións xustificadas, a luz das ultimas aportacións tidas por validas, na comunidade dos estudosos mais prestixiados internacionalmente. Mais como dicia fai pouco Taibo, nunha entrevista pegada aquí mesmo:

    “e amais é imposible establecer correntes a partir da nova narrativa.”
    A ausencia de aparataxe intelectual, revela unha grave deficiencia na crítica. As mais das veces reducecense a criterios claramente insuficentes, a unha clasificación por edade, xeneracional, ou polo subxénero. Os estudosos da literatura galega andan un pouco disolutos polas paraxes da teoría porque dende logo que do contrario seríamos un caso moi extraño que non produce obras senón mónadas literarias.

    E poderíamos seguir cos diferentes elementos do sistema anotando as deficiencias e medindo a dúbida sobre a realidade do SLG.
    Neste contexto claro que pode haber autores que se situen fora do sistema, non pola súa vontade como autores, senón pola súa obra, que non é recoñecida pola carencia de criterios de xustificación consistentes.
    consistentes e poden permañer sen recoñecreer.

    Coñecin alguns dos argumentos de discriminación nestes premios, e a verdade, é que teñen a consistencia do flogisto ou o mesmo eter.