Alfredo Ferreiro, Poesia

Abicedo ~ Cabrinfollas, de Victoriano Taibo

Abicedo / Cabrinfollas, de Victoriano TaiboHai algúns meses xa que o crítico Armando Requeixo me enviou a súa edición da poesía de Victoriano Taibo, un intelectual que participou nos proxectos de máis folgo do galeguismo cultural de principios do século XX e que ben merecía un recoñecemento actual do seu traballo. Membro das Irmandades, da RAE e mesmo do Instituto Histórico do Minho, semella non ter perdido ningunha ocasión de colaborar coas iniciativas galeguistas de antes da Guerra.
Cun rigoroso e completísimo estudo introdutorio (72 páxinas), a edición de Requeixo respecta as versións dos cadernos poéticos do poeta ofrecendo “unha transcrición fiel dos orixinais”, o que é de agradecer por todos aqueles que gustamos de saborear as escollas lingüísticas doutrora.
O libro, editado por Follas Novas primorosamente, enféitase cunha fermosa ilustración de Baldo Ramos, recente gañador do Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, artista xa consumado do verso e a caligrafía.
Recentemente co nome de Taibo foi creado un premio de poesía, gañado na súa primeira edición polo poeta Carlos Negro. Certamente, con apoios deste calibre auguramos para a figura de Victoriano Taibo o sólido recoñecemento que se pretende conseguir.
Entre os seus poemas rescatamos este por referenciar a fraternidade galego-portuguesa tan común no primeiro cuarto do século XX:

Noivados

A Teixeira de Pascoaes

A doncella fía
as estrigas brancas;
fía noite e día.

Fía linho de oiro
ou fía a esperança
de um menino loiro?

Lençois de noivado!

Amor nao espera, e a doncella fía… fía
fía noite e día…
e não dá fiado.

A velhinha fía
as estrigas brancas;
fía noite e día.

Fía en ritmo breve
seus cabelos alvos
ou só fía neve?

Lençois de noivado!

A morte tem pressa; e a velhinha fía… fía…
fía noite e día…
e nâo dá fiado.

Share
Standard