Existir -ou non- na web, por Xavier Alcalá

Xavier Alcalá: «As xentes do Imperio Austro-húngaro adoitaban dicir aquilo de que “só existe o que existe en Viena”. Por iso ás veces renunciaban á propia lingua en favor do alemán oficial na capital do imperio.

Mais a cuestión non era só lingüística senón que se refería á “sensación de existencia” dos creadores en xeral. A música ou a pintura non precisan de soporte idiomático e, con todo, para que algo húngaro deses eidos fose coñecido na Croacia, precisaba de chegar alá pasando por Viena…

Hoxe a Viena universal non existe fisicamente, con rúas e edificios, con teatros e salas de arte. Esa Viena é un inmenso conxunto de servidores de páxinas electrónicas –unhas dinámicas e outras estáticas– conectados na arañeira global, a web.

Nos nosos tempos só existe o que existe na web soportada pola rede de redes, a interrede que chamamos Internet como marca (sempre lles facendo un favor aos ianquis inventores, innovadores…, que, sen embargo, non souberon inventar a idea que nos levou ao hipervínculo, ás ligazóns e á navegación virtual).

Iso non quere dicir que non se produza cultura para medios de presentación que nada tiveron que ver en orixe coa arañeira ligadora das máquinas lóxicas que conteñen e xestionan cantidades abraiantes de información dixitalizada. Música é música; foto é foto; cine segue a selo; e non falemos de literatura, que sempre será filla dos símbolos cos que se representa o discurso.

Mais, na era anterior á que se inicia coa vulgarización da web, cada forma de cultura tiña o seu medio de presentación. E hoxe, non. Todos os medios acaban confluíndo nos conceptos da arañeira e a interrede: todas as manifestacións de cultura chéganse a coñecer no que merecen porque se dixitalizan, se almacenan en formatos dixitais e se transmiten en forma de datagramas, paquetes de información dixital que procuran camiño como poden de rede a rede. […]» (Ler todo en Blogaliza/Letras)

Share

Comments are closed.