Xerais ofrece un libro en formato exclusivamente dixital

Coincidindo co Día das Letras, Xerais publica en soporte exclusivamente dixital unha conversa de Suso de Toro con Ramón Piñeiro. O tema interesa, sobre todo, para que algúns nos permitamos falar con certo coñecemento do que aconteceu nos ambientes galeguistas e/ou nacionalistas da dictadura franquista e o seu epígono, a chamada Transición Democrática. É evidente que moitas afirmacións corren de boca en boca sobre os acertos e desacertos de Piñeiro, sobre as súas “heroicidades” e as súas “traizóns”. Este texto de trinta páxinas contribuirá sen dúbida a que falemos através de opinións propias.

Moitos somos os que estabamos desexando que as editoras galegas se tomen a serio o formato dixital. De facto, é xa unha pedra de toque en certos ambientes preguntarse por que certas obras da nosa tradición literaria non están xa disponíbeis na rede e en varios idiomas. Somos un país pequeno, si, mais iso é unha grande vantaxe á hora de organizarse. Temos aínda unha literatura pequena, si, mais o seu interese pode ser inmenso se nos dignamos en disponibilizala na rede en varios idiomas. Non precisamos a Cidade da Cultura para facelo. Hoxe é suficiente un cuarto debaixo dunha escaleira.

«[…] S. —Baixo o meu punto de vista, marxista… Porque eu son marxista…
R. P. —Nada, home. Eu sempre tiven moitos amigos marxistas. Contra o que sentía un rexeitamento moral era contra o estalinismo. Aínda que o propio Franco axudaba a crear comunistas e estalinistas, porque todo o xustificaba no anticomunismo. Todo o que fose contra Franco tiña que… Pero xa nos anos trinta tiña amigos trosquistas, do PC, e nunca tiven problemas. Lorenzo Varela por exemplo…
S. —Era un poeta moi bo.
R. P. —Si. Pois era trosquista. Dábame papeis a gardar… Nunca tiven problemas pola ideoloxía. Unha cousa é a persoa e outra a ideoloxía.
S. —Pois iso, baixo o meu punto de vista penso que este galeguismo dos anos 60, tanto o do PSG coma o da UPG, é moi continuador dunha das liñas do Partido Galeguista. Eu creo ver unha liña, ou un estilo, en persoas como Castelao ou Bóveda ou Paz Andrade, que sería un galeguismo en relación coa sociedade, mesmo coa industria nalgún caso concreto. Unha actitude práctica. E logo vexo outra liña máis «literaria» que vén da man, e non é casualidade, dos homes do interior, de Ourense, Risco ou Otero Pedrayo. Que proceden da fidalguía, dos señores da terra. Este sería un galeguismo moi conservador e moi culturalista. E creo que a liña que se continuou foi esta última. Vexo no galeguismo dos partidos creados nos anos 60 a sombra de Otero Pedrayo. Esa idea literaria da fidalguía, como clase social. E sobre todo como elite cultural. Esa exaltación do individualismo narcisista, fidalga ou pequenoburguesa.
R. P. —Mmmmm. Pois mira… Está ben razoado. Eu comparto contigo esa interpretación de dúas mentalidades. Iso é absolutamente certo, porque eu ademais coñecíaos. Aínda que podiamos facer matices nas persoas. Creo que a influencia de Otero a esas alturas non che foi política. Foi máis ben literaria, estética… […]» (Unha conversa con Ramón Piñeiro, de Suso de Toro)

Share

Comments are closed.