Os Premios do arquipélago Xerais

Tanto hai para que lles conte sobre os Premios Xerais 2009 que hoxe non souben por onde comezar. O día ameazaba con nunca tirar a capa cincenta con que nos abrigaba e a tarde con non permitirnos pasear entre estatuas, balaustradas e coidados xardíns. Aínda ben que a ría non admite ondas feroces, cheguei a pensar antes de subir á modesta embarcación que me transportaría á illa de San Simón.

Mais a tarde deu para todo, sendo ese todo moito máis do que cabía esperar. Trescentas persoas embarcaron rumbo á illa para asistiren aos Premios Xerais nun barquiño xeneroso que houbo de facer tres viaxes até que todos arribaron a esa terra testemuña de amores, traballos, enfermidades, torturas e arte. Xa en terra, as faces en pedra de Mendinho, Joám de Cangas e Martim Códax auguraban un evento caracterizado polo compromiso incorruptíbel coa arte escrita.

Comandados por Celia Torres, como é habitual, nomeáronse os premiados e léronse as actas dos xuris: Jacobo Fernández Serrano gañou o Premio Merlín e Rosa Aneiros, nunha fazaña difícil de repetir, vencía o Premio Fundación Caixa Galicia e o Xerais de Novela.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/hZ6dV2JK5OE" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/EPSchAiOnBo" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/BMCZ-sIkzPw" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

Os premios, motivo da xuntanza, houberon de partillar a máxima emotividade coa intervención do mantedor deste ano, Agustín Fernández Paz. Nun contexto como o actual, de franca agresión institucional á lingua, símbolo esencial dunha cultura que resiste desde hai séculos o bloqueo cultural e económico dos poderes que a queren morta e embalsamada, as palabras do escritor non foron de raiba senón directas, sentidas, tranquilas e claras, toda unha mostra de temperanza e lúcida argumentación:

«[…] Os atrancos nunca están nos textos, a creación é o ámbito da liberdade máis plena. Onde os atopamos é nas cuestións políticas, nas relacións económicas e de poder. Escribirmos nunha lingua minorizada, pertencermos a unha cultura socialmente estigmatizada, leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na sociedade (e penso agora nos nosos libros, confinados coma nunha reserva india en boa parte das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou na insistente mentira de que somos unha literatura subvencionada) como no feito de sermos traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. En Galicia existe unha fervenza de creatividade que non pode fluír con plenitude, pois unha boa parte das elites financeiras, empresariais, mediáticas e políticas desconfían e negan esa creatividade se se manifesta na lingua de noso, unha lingua que parecen ver coma un andazo que cómpre extirpar de raíz, tal como a nichela que eu arrincaba de neno con miña nai. E aínda así, malia todos os atrancos, podemos orgullosamente dicir con Galileo: Eppur, si muove!

[…] E agora, malia as voces que nos tentan tranquilizar ou adormecer, moitos de nós albiscamos o regreso de problemas que criamos superados. Persoas que aínda queréndonos ler non poden, porque no sistema educativo non desenvolveron esa competencia para lernos na lingua de noso. Ou, tamén, persoas que podéndonos ler refugan facelo, pois é aventurado achegarse con gusto a unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta. E, para escarnio maior, coa novidade de amparar esta nova situación nunha liberdade lingüística de cartón pedra que, ao examinala de preto, deixa ver axiña as falsidades que a sosteñen. Pois non hai liberdade merecedora de tal nome se se basea no esmagamento ou na clausura dun sector da cidadanía. Non hai liberdade se non hai xustiza e se non alcanza a todas as persoas por igual.
Veñen aquí ao caso as palabras do ex-presidente dos EE.UU. Lindon B. Jhonson, pronunciadas no contexto da loita contra o appartheid: Pensemos nun home que permanecese encadeado durante moitos anos. Liberámolo e conducímolo á saída dunha carreira dicíndolle: «es libre de participar cos outros». Podemos considerar que estamos sendo equitativos? […]» (Oito doas para San Simón, de Agustín Fernández Paz, foi o discurso pronunciado polo autor como mantedor do acto de entrega dos Premios Xerais 2009)

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/JOxizWAI9zg" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/uXYv5GRFYgg" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

Share

1 comment to Os Premios do arquipélago Xerais

  • […] “A illa da creatividade é a dos Premios Xerais“, O levantador de minas (Alfredo Ferreiro):  “Tanto hai para que lles conte sobre os Premios Xerais 2009 que hoxe non souben por onde comezar. O día ameazaba con nunca titar a capa cincenta con que nos abrigaba e a tarde con non permitirnos entre estatuas, balaustradas e coidados xardíns. Aínda ben que a ría non admite ondas feroces, cheguei a pensar antes de subir á modesta embarcación que me transportaría á illa de San Simón. Mais a tarde deu para todo, sendo ese todo moito máis do que cabía esperar. Trescentas persoas embarcaron rumbo á illa para asistiren aos Premios Xerais nun barquiño xeneroso que houbo de facer tres viaxes até que todos arribaron a esa terra testemuña de amores, traballos, enfermidades, torturas e arte. Xa en terra, as faces en pedra de Mendinho, Joám de Cangas e Martim Códax auguraban un evento caracterizado polo compromiso incorruptíbel coa arte escrita.” […]