Navegando á deriva na nova política cultural?

Navio no gelo a derivaDesde a plataforma Queremos cultura reivindicamos (no Facebook e no Blogomillo) a necesidade de non claudicar ante a nova política anticultural do Goberno do PP. A maioría das editoras, facendo gala dunha prudencia empresarial, pechan os puños e cravan as unllas na súa propia carne. Levar unha empresa adiante non é fácil, e menos se á crise do libro en papel sumamos a crise económica xeral e a estas a maré negra que para a cultura galega supón un goberno ultranacionalista con referentes mesetarios. Mais as contradicións implícitas a unha solución que fala de independencia e dependencia institucional a un tempo, semellan irrisorias ante unha estratexia político-cultural luminosa como a explosión da bomba de Hirosima: haberá Feiras Internacionais, si, mais contribuirán a unha estraña rendibilidade; e probabelmente haberá traducións, claro, mais habemos de ver a que obscuro criterio obedecerán. Serán para traducir galegos ilustres como Valle-Inclán ao esquimó ou para introducir o Nóbel de Iria Flavia no mapuche? Polo de pronto a Consellaría vén de fusilar o proxecto da AELG dos roteiros literarios, iniciado hai tempo co ambicioso Territorio do escritor, anunciando o seu Vilas Literarias, para así conducir a cultura en dirección contraria.

Porque a decisión de non apoiar a cultura galega con proxectos como o Cultur.gal e destinar os cartos do país en acondicionalo aos tópicos que o turista común espera do espiritual noroeste español obedece a criterios que non enganan ninguén. Así as cousas, se podendo estar os axentes culturais ben unidos e organizados face a esta embestida de destrución cultural evidente, andamos con actitudes indefinibles ou condescendentes, logo se verá o desastroso resultado. Pola miña parte non penso agardar esmola de quen claramente pretende  roubarme o futuro.

Aproveito a ocasión para dar os parabéns aos compañeiros que organizaron a plataforma Prolingua, que este sábado conseguiu un éxito rotundo na súa presentación oficial á sociedade galega.

Share

Comments are closed.