Galeusca 2009

«As asociacións que reúnen aos escritores cataláns, galegos e vascos (AELC, AELG e EIE) comenzaron hai tempo a organizar alternativamente Galeusca. Estas reunións -que xa cumpriron 25 anos- serviron para intercambiarmos experiencias, debates sobre literatura e para acordarnos estratexias comúns.

Este ano correspóndele a EIE organizar Galeusca. Será en Arantzazu, os días 9, 10, 11 e 12 de outubro baixo o título “Pequenas literaturas, grandes desafíos”. A xuntanza, nos seus obxectivos, seguirá polo camiño marcado até agora. Por outra banda, no tocante ao modelo organizativo, desenvolveremos certos cambios para atinxirmos máis eficiencia.

De feito, este ano os participantes se organizarán en catro grupos de traballo, e cada grupo traballará sobre un tema específico: estruturación, autoría, socialización e divulgación. O punto de partida destes traballos atópase nos informes preparados por catro expertos e que agraguen os temas devanditos. Como poderemos comprobar, os informes son breves e, ás veces, esquemáticos, porque o seu único fin é dar pé ao debate. […]»

Este é o punto de partida do Galeusca deste ano, segundo proposta dos compañeiros éuscaros. Neste sentido teño grandes expectativas sobre o que poda dar a reflexión sobre as accións posíbeis de axentes culturais de “mercados menores” (podería dicir ‘sistemas’, mais así me entendedes mellor) conscientes das cualidades dos novos tempos: rapidez e versatilidade dos medios dixitais, baixo custo dos soportes (sobre todo se usamos software libre) e potencialidades altas de socialización (conforme as altas velocidades de transmisión atinxen a totalidade dos fogares). Todo isto, debidamente adubado por unha grande creatividade e un esforzo comunicativo constante pode dar lugar a novas redes culturais de referencia, que mesmo poden saír do mundo virtual. Xa é o tempo dos contidos de calidade, aqueles que ademais poden contribuír a espallar novas perspectivas sociais en favor da convivencia a través da cultura.

Alí estaremos este fin de semana. Tentaremos voltar cunhas positivas conclusións.

Share

14 comments to Galeusca 2009