A partir do Galeusca 2009

Se teño que falar da experiencia como membro da delegación da Asociación de Escritores en Lingua Galega debo dicir que foi insatisfactoria e satisfactoria a un tempo. O primeiro, porque non logrei conectar cos colegas éuscaros e cataláns nos temas que particularmente máis me interesaban. O segundo, porque a sintonía cos compañeiros galegos de expedición foi asombrosa.
Segundo contaron os vascos da Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores en Éuscaro), ben certo é que a súas circunstancias culturais son distintas: a) a escolarización é maioritaria nun modelo de inmersión lingüística que mantén o éuscaro en franco privilexio fronte ao castelán; b) nos últimos anos aumentou un 10% o número de falantes de éuscaro; c) existe unha preocupación pola calidade dos usos: moitos falantes usan a lingua vasca de modo “administrativo”, como para simplemente aprobar as materias académicas, e como a empregan sen grande emotividade isto produce que os vocábulos casteláns penetren con fluidez nos usos diarios dos máis novos. Algo, como poden imaxinar, bastante afastado da realidade galega actual.
Os cataláns da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana dedícanse fundamentalmente a resolver conflitos para os autores e chegar a acordos cos editores. Case sempre ocupados con cuestións máis ou menos sindicais, pouco saen do ámbito legal nin das últimas estratexias de proxección internacional. A súa literatura está apoiada por unha nación. No relativo ás comunidades balear e valenciana, estas si teñen problemas semellantes aos nosos debido á invisibilidade que lles procuran os desarraigados amigos da Meseta. Porén, todos teñen como modelo unha Cataluña en que os escritores só se ocupan de escribir: son as institucións pertinentes as que se encargan da dinamización cultural.

Na Galiza, polo contrario, precisamos permanentemente da creación de eventos culturais que estimulen o interese social pola literatura e a cultura do país. De aí que a AELG teña que ser moito máis que unha asociación para a defensa dos intereses dos escritores no mercado e presente características propias dunha eficiente asociación cultural, o que non podemos menos que agradecer así como colaborar con ela sempre que temos oportunidade. De aí tamén que os escritores con tanta frecuencia deixen a pluma e se poñan en marcha na defensa do patrimonio cultural, do natural ou dos dereitos cívicos. Temos por iso menos tempo para escribir, mais cada quen debe atender ao seu modo modo as responsabilidades que asume como persoa mesmo para alén do seu oficio.
O segundo sentimento deste Galeusca, moito máis poderoso que o anterior, foi dunha inmensa satisfacción. Mentres as realidades de vascos e cataláns me levaban cara a estratexias diversas que gustei de coñecer, os membros da delegación galega traballaban dun xeito firme e perspicaz nunha reflexión moderna ─permítanme utilizar o termo desde unha perspectiva tradicional─ sobre a divulgación das nosas letras. Neste sentido, era unánime o interese pola xestión dos contidos no ámbito das tecnoloxías da información e polo novo panorama que o e-book impón no mercado literario. A importancia da realidade dixital, non tan virtual e moito menos futura, na creación e intelixente divulgación de novos referentes culturais era para min o principal dos debates, e foi precisamente cos membros da delegación galega que tiven ocasión de reflexionar sobre o tema. Podendo, ademais, constatar o interese de todo o grupo pola posibilidade de que estes recursos fagan dunha “literatura minorizada” unha literatura ben divulgada.

En contraste con isto, nestes días puiden escoitar na radio a opinión dun escritor galego que falaba desde a Feira do libro de Francoforte, e que dos formatos dixitais se atrevía a dicir: “É un problema terríbel”, no sentido da previsíbel destrución da industria caduca e a caída dos prezos dos principais produtos literarios. Por que esta actitude defensiva? Porque a maioría dos editores están a chorar por un negocio que se esfarela perante os seus ollos se saber ben o que facer? Porque os editores tradicionais van desaparecer os autores despois de tantos anos non van saber onde se arrimar? Porque ninguén os vai convidar a cear? Porque ninguén organizará encontros persoais en lindos hoteis rente lagos limpos ou praias de postal? É todo un misterio, si señor, como funcionará o mercado a partir de agora, mais poden estar certos de que os máis novos, os máis atrevidos, os máis intelixentes xa se están a fregar as mans pola caída dun sistema caduco que non deixaba espazo para os novos e necesarios modos de comunicación cultural. Porque nos toca comezar unha nova época, poden estar certos, e xa os novos tempos deixaron de se ocultar: a economía e a información, agora tan unidas, están en crise. Algo cheira a novo no reino de Dinamarca, e por iso os minorizados comezamos a soñar.

Ilustracións: 1) Díptico do Galeusca 2009: os apóstolos de Oteiza; 2) Delegación da AELG no Galeusca 2009; 3) O profeta de Oñati.

Share

11 comments to A partir do Galeusca 2009