Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane

Presaxio en tres tempos

A citación de Beckett con que Seoane enceta o poemario dirixe a percepción do lector ao certo centro da ideoloxía textual: “Inclinado a confesar un tempo que agoniza”. É dicir, o propósito de mostrar poeticamente unha valorización da etapa histórico-social que nos toca vivir e que o poeta, sensíbel ao novo imaxinario cultural que nos cega (“Non queda / eternidade / por camiñar / onde as fontes do soño / foron cegadas”, p. 121), detecta e canta con amargura desde o desexo de xustiza e harmonía. Expresa isto mediante a vinculación de símbolos telúricos e espirituais tradicionais como se así pretendese mitoloxizar o presente, lembrándonos a aura protectora do inmutábel sacroprofano, nun ton bárdico ou druídico que lle serve para representar a nación deitada na decadencia. Intuímos aquí un outro xeito de Xavier Seoane de denunciar a falta de humanismo nesta etapa histórica, xa expresada polo autor desde as palestras públicas e os ensaios publicados. Ora ben, falar do presente cun estilo poético deste teor evita caer nas superficialidades das marismas socialrealistas abertamente políticas e penetrar noutras fonduras, talvez máis obscuras e se cadra por iso máis poderosas no longo prazo, como se se tratase de cargas de profundidade que nos atinxen para só estourar cando menos o esperamos.
Existe, por tanto, neste poemario unha fundamental consciencia do social que se manifesta nun aberto compromiso co presente na denuncia: “Chegan tempos revoltos…” (p. 96). E a primeira profanación que descubrimos hoxe é unha cultura galega irremediabelmente danada, unha vez que a lingua secular é entendida como unha ferramenta prescindíbel. Porque unha cultura se torna estéril cando renuncia a crear coa súa propia lingua: “Pai, / todo está roto / no ventre da palabra” (p. 99). Mais este feito non só ten a ver coa sociolingüística ou coa política, como algúns queren ver, senón que implica un desarraigo histórico perceptíbel como carencia social, desunión que comporta a falta de lei consuetudinaria ou auténtico pacto social: “Esta é a lei / Este o anel / Esta a nada…” (p. 100).
A serpe representa o inimigo ancestral, o mitolóxico axente do caos que conduce activamente á deshumanización, ou que nace pasivamente da ausencia de utopía no corazón dos homes. A utopía e os soños alimentan de enerxía positiva o presente, mais desaparecen se sobrevén o esquecemento daquilo que a Tradición conserva sobre as necesidades temporais da sociedade. Cultura é a arte de saber xerir as necesidades do día a día en dirección ao inmutábel; é aquilo que nos permite establecer un criterio sobre as decisións particulares; é, en definitiva, a posibilidade de valorizar aquilo que resulta eficiente en cada época para atinxir o ben estar social, respectando as necesidades perennes do individuo. Sen cultura no hai referentes, e a sociedade navega como un barco á deriva, ou, en mellor alegoría desta época de liberalismo atordoante, como un barco conducido por unha tripulación repleta de capitáns bébedos.
Nestas e noutra fonduras nos baña O ventre da cóbrega, persistente na súa intención de inspirarnos unha reflexión rotunda sobre a humanidade que nos regala a cultura, como un traxe sempre adaptábel á nosa medida mais que abriga dos meteoritos imprevisíbeis da vida. Versos que mesturan os símbolos tradicionais e a liberdade expresiva do século precedente, describen o veneno que agarda tras os sorrisos das novas serpes.

Publicado en Grial, nº 183, 2009.

Share

Comments are closed.