AchegArte, unha vacina contra o pesimismo

AchegArte, a feira que en pouco máis dun mes entre moitos improvisamos na Coruña para salvarlle a vida simbolicamente ao Culturgal que a Xunta da Galiza pretendía afogar, foi un éxito rotundo. E non o foi simplemente polo aspecto cuantitativo, que nos permite concluír que tivo na fin de semana tantas visitas canto o Culturgal de 2008 en catro días, senón tamén no cualitativo.

Que o Culturgal de 2007 fose responsabilidade da Asociación Galega de Editores e que cunhas axudas modestas encetase o camiño da creación dunha grande feira da industria cultural nacional semella meritorio. Que o número de visitas daquel ano fose humilde, paréceme natural para unha primeira convocatoria e non por iso falto de mérito.

Que o Culturgal de 2008 fose responsabilidade da Consellaría de Cultura non me estrañou en absoluto, e mesmo na altura louvei o apoio decidido dos políticos que a promovían, os cales por suposto pretendían demostrar que o apoio á cultura que sempre os caracterizou se tiña materializado nun acto de grande proxección. A verdade é que as críticas ao seu goberno caían con certa frecuencia mesmo desde sectores intelectuais supostamente afíns, e isto puido ter a ver cunha demostración de forza económica que chegou perto dos 600.000 euros. Mais a cobertura económica non foi satisfactoria para algúns polo que puido implicar de dirixismo institucional.

Este ano non tivo lugar o Culturgal 2009 por falta de apoio da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza, segundo estimaron os editores en primeiro lugar. Moito apoio semella non ser apropiado, como xa se dixo acima, e a falta del resulta ser un obstáculo imposíbel de salvar. No punto medio, estou de acordo con eles, está o lugar ideal.

Porque do que se trata é de construír unha rede industrial en que cada cordame salve os outros de caer no abismo das continxencias económicas, sexan estas bancarias, políticas ou tecnolóxicas. Porque do que se trataba era de axudar a industria a crecer, apoiándoa mais deixándoa traballar e investigar  naquilo que precisaba, non de emprestarlle un traxe para unha festa de presentación na sociedade internacional. Porén, haberá que recoñecer que durante o goberno cultural nacionalista moitas parcelas creativas foron amorosamente alimentadas, e isto favoreceu o florecemento que sen dúbida estamos a desfrutar.

Se ben o terreo galego é tan fértil e húmido que en calquera lugar nacen herbas, arbustos, flores e árbores desde que deixes que traballen polo seu, no ámbito das artes acontece o mesmo. Iso foi o que se pasou os días 28 e 29 na Coruña coa xeración espontánea da feira cultural AchegArte. Mais para que a flor da creatividade nacese varios factores influíron, a modo de matrimonio futurista entre moitos máis que dous:

a) A creatividade galega silenciada durante ducias de anos e que despois de que varias xeracións foron escolarizadas en galego e tiveron por fin a oportunidade de medrar en paz rente a escritoras e artistas que desde os anos 80 viñan ampliando despois un legado cultural que desexaba abrirse ao mundo. A partir desta situación creo que unha nova fase creativa ten lugar, e da cal o mellor está por chegar.

b) Un público amante da cultura que estaba disposto a contribuír co seu esforzo particular ao nacemento dun evento do que non se sentía suxeito pasivo. A cultura reclama a interacción continua, e o público galego é agradecido, valora o esforzo artístico e séntese habitualmente moi próximo del. Despois algúns critican que calquera publica un libro, desde logo, mais iso poderiamos velo como un luxo e non como un defecto. Se acordásemos por fin do noso sono diriámoslle ao mundo que todos somos poetas, actores e gaiteiros, como mínimo.

c) A iniciativa cidadá que motivou as primeiras adhesións comeza xa a ser unha constante durante este ano de despropósitos Xunteiros. Plataformas, manifestos e protestas públicas agroman porque non é menos importante o patrimonio cultural que o forestal e o mariño, e a defensa dun evento como o Culturgal é totalmente xustificado aínda que for a Asociación Galega de Editores a titular da marca. Por que? Porque moitos vivimos o Culturgal pasado como unha das palestras realmente modernas que a cultura actual precisa, e este sentimento levounos moito alén do que a industria do libro e algunhas máis son capaces elas soas de significar. Acreditamos nun país con futuro, e confiamos na colleita que haberá de chegar.

d) O apoio dunhas institucións (Concellaría de Cultura da Coruña e Deputación da Coruña) que souberon cumprir co seu cometido como poucas veces antes se vira en ningunha institución. Porque os políticos culturais só cumpren co seu mandato se serven as necesidades culturais reais da sociedade. Dubidaron de partida, como é lóxico, antes de embarcarse nun apoio a unha iniciativa popular que a priori podía ter riscos, económicos e políticos, mais lanzáronse finalmente cos recursos disponíbeis conscientes de que as oportunidades hai que aproveitalas aceptando o reto. Conscientes quixeron, e cumpriron, e xuntos remendamos o pantalón con que a Xunta pretendía que mostrásemos o cu.

Ante todo isto, declaro que me sinto orgulloso de pertencer a unha sociedade que é capaz de crear un universo de arte, xogo, amizade e cultura nunha fin de semana. E creo que un feito deste calibre merece un lugar máis destacado na miña memoria que calquera desas sanguinarias batallas celebradas cunha estatua no interior dun xardín.

Revisión 5/12/2009: Cultura en rexeneración permanente, por Marcelino Fernández Mallo.

Share