En defensa dos dereitos fundamentais en Internet

O venres foi un día moi reivindicativo. Despois de escoitar a Tati Mancebo falar sobre o tema para Radio Voz e a Radio Galega e ver o Pedro Silva a defender o mesmo no programa de mañá da TVG, aínda fomos facer acto de presenza perante a Delegación de Goberno na Coruña. Unha xornada en que, despois de termos demostrado a capacidade de organización a través da rede dos voluntarios galegos da AchegArte, tamén os internautas do Estado demostraron unha grande capacidade de resposta organizada e ideoloxicamente elaborada. O contrario dunhas actitudes afastadas do mundo real, e moito menos dunhas mentes asolagadas polo interminábel lixo da internet. Como pode que algunhas persoas aínda pensen que esta discusión se fundamenta no ataque e na defensa da pirataría, vou tentar resaltar o que se está a pór en causa.

1. O modo en que se pretendía avanzar na lexislación sobre o control dos contidos ilegais en internet era asombrosamente sospeitoso. No último momento da elaboración do Anteproxecto de Lei de Economía Sustentábel foron introducidas modificacións que afectaban o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet. Estas modificacións permitirían, entre outras cousas, o peche de espazos web sen intervención do poder xudicial.

2. Esta actitude por parte do Ministerio de Cultura delátao como baluarte dos grandes lobis de produción cultural e dos xestores de cánones, e enfróntao por tanto á maioría dos cidadáns que precisan salvagardar como nunca os seus dereitos fundamentais como usuarios da internet.

3. A dicotomía é clara: a) os lobis pretenden aproveitar as novas tecnoloxías para multiplicar os seus beneficios co aumento portentoso dos receptores da era da globalización; b) os usuarios concienciados néganse a admitir que os baixos custos da reprodución dos produtos dixitais non impliquen unha baixada significativa do prezo final.

4. Non se trata, como din algúns demagogos, de anular os dereitos de autor nin os beneficios dos industriais, pois iso destruiría o mercado. Trátase de ofrecer prezos que non sexan abusivos por produtos que pouco custa reproducir e moitas veces case nada distribuír.

5. Na miña opinión, os obstáculos principais para solucionar estes problemas estriban nas dificultades que teñen as grandes empresas en adaptarse a un novo modelo de negocio. E non é de estrañar, pois terán que asumir diferentes configuracións do beneficio e alterar os modos de achegar o produto ao público. E todo isto nun primeiro mundo que está de volta de todo e nun terceiro que carece de auga mais non de teléfono móbil, se contar cunha vaga de crise económica.

6. Queremos as mesmas leis no dixital que no físico, dicían os representantes dos lobis da cultura en España. Mais eles saben ao tempo que non pode ser. Que un libro dixital que eu paguei non o poda prestar a un amigo non ten sentido, pois si o podía facer antes co impreso en papel. Mais neste caso non aceptan a mesma liberdade para o lector: non, que o lea unicamente no ámbito doméstico. E na oficina? Non pode levalo e lelo na hora de descanso? Por que restrinxilo ao ámbito doméstico? Quen ten dereito a dicirlle o que facer coas súas cousas?

7. O límite ten que estar na existencia dun negocio lícito que non se aproveita dos produtos dos máis sen o acordo economico oportuno. Este límite xa está determinado xuridicamente, e saírse del hoxe xa constitúe un delito. Como escritor defendo os dereitos de autor, e como empresario as configuracións honradas do negocio. Mais non podo comprender como cidadán que ir ao cinema hoxe en día lle custe á miña familia 32 euros sen bebidas nin gloseimas, cando os recursos audiovisuais caen de prezo cada ano. Teño para min que a industria do cinema inviste a maior parte en difusión e que debido a iso entran os filmes de tal modo polos ollos da xente que todos os queren ver aínda que sexa en versións desastrosas gravadas con cámaras pataqueiras.

8. Eu defendo un prezo xusto tamén nos produtos culturais, porque para min son artigos de primeira necesidade. E un mercado como o galego, humilde e aínda en proceso de consolidación, é o lugar ideal para ensaiar unha fórmula que anticipe o que debería ser habitual: maior selección de contidos, maior porcentaxe para os autores, maior porcentaxe para os editores e menor prezo do produto grazas ao baixísimo custo da produción e a distribución dixitais.

Recomendo ler neste sentido o blogue de Marcus Fernández.

Revisión 7/12/2009: sen dúbida un dos posts máis interesantes é o ofrecido pol’ O Porto dos escravos.

Share