Livro electrónico, Tati Mancebo, Tecnologia

Cultura, intermediarios e liberdade

«[…] Paréceme escandaloso ter que pagar por separado as tarifas de internet da casa e do móbil. Paréceme escandaloso que as telefónicas poidan inutilizar servizos concretos como o Skype nos seus terminais. Paréceme todo o anterior e mesmo insensato que Movistar me inclúa á forza un botón para e-mocion, un servizo que eu non contratei e que acabo premendo invluntariamente algúnha vez cada mes, e cada vez que toco o botón sen querer me cargan 1 €. E por que non me rebelo contra iso? Porque non podo, simplemente. Do mesmo modo pareceume unha tomadura de pelo que cando se comezaron a vender cancións por internet, me obrigasen a mercar o disco enteiro, e cando comezaron a venderse soltas as cancións, me quixesen cobrar por cada unha máis que a parte proporcional que lle correspondería en función do número de cancións do disco. Paréceme mal que teña que aboar o importe do DVD feito en fábrica dos filmes que me interesan. Non comprendo que custe o mesmo un ebook que a mesma obra en versión de papel. Non o comprendo e non o acepto.

O problema tamén radica en que hai un modelo de negocio que se esgota, pero que aínda está a dar moitos cartos e os seus propietarios teñen o suficiente poder como para “influír” sobre os gobernos até un punto que lles permita aproveitar mellor o tempo de desconto. Cando esta etapa pase, algúns desaparecerán substituídos por outros novos e outros reconverteranse convenientemente. Ninguén quere ficar fóra de xogo.

E mentres que? Disque Amazon está a perder 2 $ por cada ebook que vende, ante a negativa das editoras de venderlle os dereitos das novidades por menos de 12 $, como fan cos distribuidores de libro físico. Disque é preciso o esforzo de Amazon para conseguir que o ebook baixe de prezo e todos poidan tirar un beneficio a base de vender un número maior de unidades a un prezo máis baixo que o actual. Mais Amazon teno claro, quere estar aí cando as vendas de ebooks superen as do papel, por iso tanto esforzo en crear usuarios e en limitar os prezos.

Que poden facer as editoras galegas? Ante todo cultivar a comunidade lectora, e non estou a falar simplemente de abrir un blogue coas novidades editoriais e exportalas a Facebook. Estou a falar de identificar o público e comunicarse con el. Copiar o mellor das mellores multinacionais adaptando as estratexias á realidade galega e dedicar os recursos suficientes para ir preparando o terreo para o momento en que calquera editora ofreza todos os seus contidos en formato dixital e publique mesmo pensando nese formato, tendo en mente o libro como un concepto máis aberto e rico que o actual.

Como xa teño dito, o público lector galego é militante, por iso, como unha das pezas básicas que manteñen ese milagre que é a literatura galega, debe ser tido en conta e mimado. Co seu interese e a súa fidelidade, pode contribuír poderosamente a difundir a literatura galega fóra das nosas fronteiras políticas e lingüísticas. O galego pode chegar a ser un modelo de referencia para a promoción dun sistema literario pequeno en todo o mundo.

Falemos, negociemos, construamos entre todos un modelo de negocio para a literatura galega. Podemos facelo.» (Ler completo en Tati Mancebo)

Share
Standard