«Análise urxente do borrador do decreto do plurilingüísmo»

Carlos Amoedo e Filipe Diez: «Ofrecemos a seguir a análise realizada por Carlos Amoedo e Filipe Diez a respecto do “Decreto do Plurilingüismo” anunciado pola Xunta ao remate do Consello da Xunta celebrado o pasado 30 de decembro. Trátase dun argumentario que pretendemos que sexa ao mesmo tempo sintético e abranxente, no cal se introducen consideracións xurídicas e pedagóxicas, mais sobre todo políticas […].

Conclusión

O novo decreto cuxo rascuño foi dado a coñecer hai catro días representa un atentado contra a liberdade individual, contra a igualdade de dereitos, contra o mandato estatutario de garantir o coñecemento do galego e contra a convivencia lingüística nos centros escolares. E, por todo iso, contra o sentido común.

O decreto de Alberto Núñez Feijoo, de Jesús Vázquez e de Anxo Lorenzo representa a socialización dun conflito partidario e partidista creado polo PPdeG a instancias da FAES e coa colaboración dos brazos mediáticos da dereita máis antigalega e reaccionaria, sectores que están moi lonxe de representar as opinións da maioría da sociedade galega.

Supón, ademais, a consagración da existencia de dúas comunidades lingüísticas separadas e non dunha única comunidade social caracterizada polo bilingüismo, chegando ao extremo de abrir as portas á segregación lingüística nas aulas, elemento que pode ser opreludio dun apartheid social máis xeneralizado e que constitúe unha semente de fractura social inadmisible para aqueles que desexamos unha sociedade integrada e integradora, tolerante e respectuosa coas diferenzas.

Por se todo o anterior fose pouco, fica evidente que o presente decreto non responde a unha vontade de gobernar, senón ao revanchismo dificilmente aceptable no clima dunha campaña electoral e totalmente deleznable como guía da acción dun goberno serio e responsable. De aí que non se aborden os problemas do ensino nin se fagan propostas para solucionalos, focando a atención da opinión pública exclusivamente sobre a cuestión lingüística mentres se precariza o ensino público con reducións orzamentarias insólitas na historia da autonomía ao tempo que se incrementan as subvencións aos centros que segregan os alumnos por sexo.

Mais aínda estamos a tempo de parar esta insania. Os galegos e galegas debemos reaccionar: realizando alegacións na fase de elaboración do Decreto, que acaba de comezar; e mobilizándonos por terra, mar e aire.»

Share

4 comments to «Análise urxente do borrador do decreto do plurilingüísmo»