Críticas e referências, Narrativa

Manuel Gago sobre a novela histórica

Manuel Gago: «[…] Creo que moitos escritores fuxen da novela histórica convencidos de que o país precisa outra literatura (urbana, universalista, etc.) porque é preciso modernizala e actualizala. Iso é un bug. O principal problema da literatura do país é que non tiña público, público que merca literatura unicamente por pracer e entretemento. Un público que, se cadra, non atopa na literatura galega o que precisa. Aquí non temos libros de autoaxuda. Non temos a Larsson. Non temos novela histórica popular nin da fantasiosa do Santo Grial. Queremos escribir para que nos fagan un Día das Letras ou algo así. Hai un divorcio entre escritores e público. Pero el está aí. Agora vémolo. Está nas novelas de Domingo Villar ou nos libros de cociña de Benigno Campos, agardando. Agora é cando debemos comezar a pensar en termos de público.

A segunda parte do bug é que cando os escritores do país deciden falar de Historia todos nos poñemos cachondos. Queremos dar leccións, queremos amosar as nosas grandes derrotas nacionais. Cómpre imprimirlle á Historia unha carga moral, ideolóxica que persuada aos nosos incautos lectores da nosa/súa alienación (pero resulta que os nosos lectores en galego, ata agora, coñecían esa Historia tan ben coma nós). Cando nos poñemos así sáennos solemnes peñazos que non venden nin o mínimo. […]»

Share
Standard