Por unha Rede sustentábel

Acaban de gravarme para a TVG a falar do antreproxecto de Lei de Economía Sustentábel / disposición primeira. Temo ter soltado un lío de afirmacións sen xeito, mais en fin, faise o que se pode. A miña argumentación pretendía ser a seguinte:

Paréceme que a disposición primeira está pensada para protexer os negocios particulares, non para mellorar o benestar común dos cidadáns. Se vai adiante podería chegarse á indefensión xurídica dos usuarios dos medios dixitais, porque se permitiría o peche de páxinas web a instancias dunha autoridade administrativa, case sen intervención xudicial. Isto acontece nunhas circunstacias en que o goberno socialista anuncia o propósito de introducir as TIC na vida diaria dos colexios. Se asume o goberno que as tecnoloxías da información e o coñecemento son ineludibles nos programas de ensino porque o futuro laboral da maioría pasará por usalas, por que non as toma realmente en serio e lexisla en consecuencia? A verdade é que semella que aínda perdura a vella visión de que na internet só pululan unha morea de rapaces trastes, cando na realidade todos sabemos que o presente e futuro do mundo desenvolvido están xa instalados no traballo dixital.

Esta Lei suporía que se teño un blogue, e nel teño unha ligazón para outro que á súa vez liga para un terceiro que supostamente fai negocios ilícitos, podería a Administración pechar o meu pola relativa  “promoción” dun negocio ilegal. É dicir, un despropósito. Nese caso eu non estaría a facer negocio de ningún tipo e por suposto non son responsábel dos contidos dos outros. A Rede funciona con rapidez, e este facto beneficia o que fai ben e tamén para o que fai mal, está claro, facilitando que o ilegal desapareza se oculte ou mude  inmediatamente de máscara. Mais criminalizando o usuario xeral ou cobrándolle un cánon pola suposta ilegalidade dos máis indignos non se chega a unha situación de xusticia aceptable.

Os argumentos completos de Red SOStenible, sensatos e oportunos, xa foron traducidos para o Blogomillo:

«Consideramos imprescindíbel a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentábel polos seguintes motivos:

1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.

2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.

3.-Establece un procedemento punitivo “á carta” para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delicto, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.

4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía. Ademais a normativa introducirá o concepto de “lucro indirecto”, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque “promociono” un que “promociona” outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos. […]» (Ler máis en blogaliza.org)

Share

5 comments to Por unha Rede sustentábel

  • Evidentemente ningún dos que xestionamos os servizos gratuítos de Blogaliza (Pedro Silva, Tati Mancebo, Martin Pawley e máis eu) cremos representar unha opinión xeral, mais que a TVG teña nalgún sentido en conta algunha opinión do blogueiros galegos é algo a valorizar.
    Agradecido pola atención, manda un saúdo
    Alfredo Ferreiro

  • Rodrigo

    O teu temor non ten fundamento. A mensaxe tiña xeito e coherencia. Outra cousa é que nas limitacións temporais das noticias de informativos se consiga transmitir unha idea correcta, pero iso xa é responsabilidade miña (neste caso).

    Grazas pola túa colaboración e un saúdo.