Biblos Clube de Lectores

Onte polo correo ordinario chegaron as encomendas feitas a Biblos Clube de Lectores, espazo no que hai un tempo merco libro galego, libro portugués e música, preferentemente. Nesta ocasión o lote consistía en:

Bos tempos para a lírica. A xeración de 1980, de Xavier Rodríguez Baixeras (Espiral Maior). «É un estudo exhaustivo, e ao mesmo tempo moi persoal, da escrita levada a cabo polos autores da coñecida como “xeración poética dos 80”. O autor analiza a obra de 11 poetas representativos dunha época particularmente “singular” da lírica galega contemporánea.»

Novas achegas ao estudo da cultura galega. Enfoques literarios e socio-históricos, edición de Olivia Rodríguez González e Laura Mariño Sánchez (Consello da Cultura Galega / Universidade da Coruña / AIEG). «Unha selección de traballos que pasaron, ademais da peneira do comité editorial, o cribeiro non menos rigoroso de seren postos en común, discutidos e refeitos polos seus autores durante os tres anos que mediaron entre o seu encontro na Universidade Federal de Salvador de Bahia (Brasil), co gallo do VIII Congreso Internacional de Estudos Galegos organizado pola AIEG, e o momento presente, en que fixeron a última revisión antes de entregalos ao prelo electrónico.»

Medea dos fuxidos e outras pezas, Manuel Lourenzo (Biblos). «Conxunto de pequenas obras teatrais que permiten o seu disfrute como lectores e tamén a representación con sinxelas montaxes ao alcance dos afeccionados, escolares ou adultos.»

Totem, Fran Pérez “Narf” (Falcatruada). «Segundo disco de Fran Pérez, compositor e vocalista que ofrece baixo o marchamo de Narf a súa identidade máis sintética e acústica. Este traballo recolle melodías pop que dan forma a sons de todo o mundo.»

Share

Comments are closed.