Alfredo Ferreiro

Que é o xornalismo hoxe?

Eu estaba alí, eu mesmo estiven próximo da idea inicial e da organización da presentación da obra de Catherine François na Coruña. Coñecía as dificultades de tempo que a autora e o tradutor, seu cónxuxe, superaron para viren promocionar o libro dela na cidade. Eu fixen fotos e gravei vídeos. Eu estaba alí.

Por iso me sorprende tanto que o título da reseña e o texto lle outorguen moita maior relevancia ao tradutor e prologuista, por outra parte divino cantante, letrista extraordinario, teórico da música sorprendente, conferenciante inspirado, crítico perspicaz e sólido intelectual… que non presentaba ningunha obra propia na Feira do libro. Del realmente poucas referencias dispensou La Voz de Galicia cando o músico comandaba A Coruña Son, este obradoiro de canción cunha fórmula inédita en España, e ningunha xa cando descubriu que tal evento era respaldado por unha concellaría con persoal nacionalista a traballar. De nada servíu que A Coruña teña visto nestes últimos anos que a Cultura existe na política municipal para alén das touradas, os músicos anglófonos, o teatro español e a ópera italiana. Quen non ve na cultura coruñesa como creceu a demanda a base de oferta autenticamente galega, aquela que nos permite relacionarnos con escritores, pintoras, ilustradores, cineastas, escultoras, bailarinos, actrices, editoras e tantas persoas que ao noso carón alimentan o seu talento con esforzo perante unha política institucional que llo quer deixar morrer de inanición…

…Quen non quere ver a realidade social non a ve, mais que despois non anuncie que o seu traballo é  un baluarte das liberdades públicas. Evidentemente, estas actitudes non  permiten un xornalismo digno, aquel que conta o que acontece para que o que ignora pase a saber, aquel que debemos apoiar porque non debe desaparecer. A diva desta festa foi Catherine François coa súa obra El árbol ausente, unha noveliña dunha sensibilidade tal que semella antes unha esencia literaria, un produto de bouttique ao que só os moi exixentes, aínda que sen vaidades económicas, poden acceder.

Se cadra o/a xornalista que acudiu referenciar o evento tivo que actuar así perante a insensibilidade dun seu superior. Se cadra un superior fai o que pode para mostrar a diferenza ao xornalista entre o xornalismo cultural e o xornalismo rosa, sen resultados polo momento. Nada sei dos porqués, recoñézoo, e aínda por cima nin xornalista son, así que mellor debería recomendarlles que especulen polos seus propios medios.

Share
Standard

3 thoughts on “Que é o xornalismo hoxe?

  1. A cuestión, ou unha delas polo menos, é que con estas actitudes queda moi patente que o tratamento da información é máis intereseira que profesional. Xa sei que a da industria farmacéutica non debe ser máis coherente a respecto da saúde que a dos xornais respecto da información…

  2. A cuestión, ou unha delas polo menos, é que con estas actitudes queda moi patente que o tratamento da información é máis intereseira que profesional. Xa sei que a da industria farmacéutica non debe ser máis coherente a respecto da saúde que a dos xornais respecto da información…

  3. Que máis ten says:

    A edición de Lemos dun xornal non publicou a foto da presidenta do Tribunal Constitucional inaugurando unha exposición na rúa máis concorrida de Monforte (preferiu abrir cunha de Gasol cos camareiros dun restaurante)e logo recolleu a queixa dunha especie de Carlos Marcos de que o Concello non lle deu a debida relevancia á visita da maxistrada.

Comments are closed.