Novo Clúster contra a crise e a 'ameaza do libro dixital'

Alfonso García Sanmartín: «[…] “Detrás da filosofía da creación está responder á ameaza do libro electrónico, que vén para ficar, aínda que a súa implantación vai ser moito máis lenta do que se augura”. Para García Sanmartín “Isto vainos afectar a todos, tanto ao proceso de creación, que deberá ter un modelo diferente ao actual, pero tamén os editores, a comercialización e mesmo á sociedade global”. E é que os novos formatos ameazan tamén con modificar o papel dos distribuidores e libreiros. “Desde o Clúster queremos defender a estrutura actual do sistema de edición, plantar cara en defensa do conxunto do sector. Algúns editores poderían pensar en aproveitar as novas tecnoloxías e deixar fóra a distribución” mediante a venda directa. “Nós apostamos por manter toda a cadea de valor no sector do libro”, sinalou na presentación, “haberá que buscar as opcións menos lesivas para o conxunto”. […]

“Hai menos dun ano acudimos á Consellaría de Industria pondo sobre a mesa o feito de que se nos recoñece como sector estratéxico e industria na Lei do Libro. Entón quixemos ver como conseguir unha colaboración maior, asesoría e axudas para a reforma do sector, e díxosenos que tiñamos que ser Clúster ou non podíamos acceder a nada. Isto obrigounos a reflexionar sobre como enfrontar a situación e deu no nacemento desta organización”, para o que o apoio e o asesoramento da Consellaría de Industria foi fundamental. […]

“Queremos a mellora do coñecemento, da comercialización e mais do proceso de internacionalización”, explica García Sanmartín. “Cómpre unha xestión máis profesional das empresas e unha formación máis importante em todos os sectores. E isto pasa tamén por coñecer novas saídas en liñas de crédito ou na relación coas institucións, así como por aproveitar mellor os recursos humanos e materiais de que xa dispomos. Queremos converternos en interlocutores válidos dos proxectos que as empresas queiran presentar. O Clúster debe dinamizar pero en última instancia correspóndelles ás empresas desenvolver novas ideas”. Xosé Figueras, xerente da entidade, adiantou que, canda a estes servizos, pretenden desenvolver programas específicos para librarías. Deste xeito, o Clúster ofreceralles webs aos establecementos deste tipo que aínda non as teñen. Mellorar a calidade de xestión, indagar nas posibilidades de especialización por produto, integrarse en plataformas de comercializción ou desenvolver asesoramento xurídico son outros dos plans da nova agrupación para os puntos de venda. Pola banda das editoras, o proceso de internacionalización preséntase para o Clúster como unha prioridade absoluta. Canda a isto, o libro electrónico, a formación en protección de datos e dereitos de autor ou o acceso a axudas europeas son algúns dos servizos previstos. En xeral, a nova entidade pretende manter contactos con colectivos semellantes a nivel internacional, preparar o calendario de feiras para o vindeiro ano e facer un seguimento das diferentes plataformas do libro electrónico. […]» (culturagalega.org)

Share

Comments are closed.