'Alma minha gentil', poesía portuguesa para españois

Alma Minha Gentil: Antología general de la poesía portuguesa, con estudo e tradución de Carlos Clementson, probabelmente sexa a mellor antoloxía española de poesía portuguesa. É a primeira que reflicte tan xenerosamente o corpus poético portugués ao longo de 800 anos, incluíndo, claro está, a poesía medieval común coa Galiza por ser esta sen dúbida o inicio dunha tradición poética que florece con toda a súa fermosura en Occidente. E non o digo porque a galega sexa parte da poesía de máis nivel para Antonio Gamoneda, un grande entre os maiores, nin porque este mesmo referencie Herberto Helder como o mellor poeta europeo vivo. Senón porque eu adoro a poesía portuguesa até o punto de ver nela o que a galega non pode ser debido aos ataques que sofre a lingua que lle dá sustento desde tempo inmemorial, e hoxe non menos que nos peores tempos. Acho a falta, no século XX, de nomes como o da divina Natália Correia, mais como eu sempre haberá quen chore faltas.

Pois ben, é esta unha antoloxía bilingüe de máis de 2000 páxinas que ademais ofrece datos dos autores antologados moi útiles para aqueles que desexen introducirse nas circunstancias persoais e de época. A tradución, en xeral acertada e ás claras moi meditada, mostra unha estratexia difícil de asumir para min. Trátase de valorizar en maior medida o metro dos versos do que as imaxes poéticas, o que fai que estas últimas se vexan alteradas en virtude dun cómputo de sílabas procurado até as últimas consecuencias. Poñamos algún exemplo:

Do palácio encantado da ilusão = Del alcázar mendaz de la ilusión (pp. 404-405)

Que já tem sangue e tem olhar! = ¡quienes ya tienen sangre y unos ojos que ven! [literal: “¡que ya tiene sangre y ya tiene mirada!”] (pp. 486-487)

Até que a flor do ímpeto se cansa / E cai morta no chão = hasta que la flor de su ímpetu se cansa / y al suelo cae lo mismo que una flor (pp. 840-841)

Os armadores não amam / a sua rota clara = Los armadores no aman / su luminosa ruta (pp. 936-937)

ao calor das pedras / achadas nas dunas = a calor de piedras / que hay entre las dunas [o que se encontra e o que hai non sempre é o mesmo] (pp. 956-957)

Debido á proximidade entre portugués e castelán resulta forzado facermos prevalecer unha sílaba máis ou menos a custo de alterar palabras que, en moitos casos, eran de partida coincidentes nas dúas linguas. Debido a que as palabras implican “cores” , “sonoridades” e “suxestións” similares cando son comúns, e que alteralas muda a configuración de imaxes poéticas complexas facilmente intercomprensíbeis, resulta inxustificado que todo este imaxinario se destrúa por axustar o número de sílabas co máximo rigor. Constitúe este un labor difícil e con moito mérito, mais inapropiado tendo en conta que cunha receita simple o lector español pode ler e desfrutar a medida orixinal dos versos na lingua orixinal, presente no libro.

Finalmente, debemos referenciar algunhas inexactitudes, como a tradución de ‘cor’ [corazón] por ‘alma’ (al cor pola ben feyta = al alma por la bien hecha, pp. 42-43), ‘veer’ [venga] por ‘veáis’ (quando veer meu amigo = cuando veáis a mi amigo, pp. 48-49), ‘segundo’ [según] por ‘siguiendo’ (Segundo o bem que queria = Siguiendo al bien que quería, pp. 122-123), que aínda sendo patentes non estragan un conxunto que tantos eloxios merece na selección e na tradución.

Share

Comments are closed.