Destruído un castro de valor incalculábel

Manuel Gago: «[…] O que aquí pasou foi terrible, propio do máis taimado construtor especulador; a diferencia é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en connivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das últimas décadas non creara problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente, pero ninguén pedirá responsabilidades por el. E non se trata de decidir aquí, neste post, se o castro debía pervivir ou non, ou sobre que era o importante, se o Porto Exterior ou a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce localizada na Europa atlántica. Aquí queremos horrorizarnos con este silencio das Administracións que actuaron en connivencia, sabendo que tiñan unha pataca quente nas mans, que decidiron sobre os bens públicos sen contar cos cidadáns.

A Consellería de Cultura manifestou a súa vontade de tentar reformar a Lei de Patrimonio do país. Desde Capítulo Cero, queremos aportar ideas para que a nova Lei evite que volvan producirse situacións coma estas. Que a lei incorpore o principio de publicidade, divulgación e libre acceso á información sobre todos os sitios arqueolóxicos escavados, na medida en que son bens públicos, dentro do exercicio da responsabilidade (e que se limite claramente ese exercicio a casos excepcionais). Que a Lei obrigue a elaborar informes públicos sobre os sitios arqueolóxicos antes de que estes sexan destruídos, para que todo o mundo sexa consciente do que se perde e se se debe perder. Que a Lei obrigue, de algún xeito, a vincular os sitios arqueolóxicos coas súas comunidades locais.

¿Aprenderemos algo deste drama da nosa cultura?»

Vía Capítulo 0 » O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña.

Share

1 comment to Destruído un castro de valor incalculábel